A campaña electoral para as eleccións municipais do 24 de maio chegará desta volta a Melide cunha importante novidade: por primeira vez os candidatos á alcaldía enfrontaranse cara a cara nun debate aberto ao público xeral.

Deste xeito Ánxeles Vázquez (PP), Xosé Igrexas (BNG) e José Antonio Prado (PSdG), daranse cita o vindeiro sábado 16 de maio  na Casa da Cultura para expoñer ante a veciñanza de Melide os seus respectivos programas de goberno para os vindeiros catro anos. O debate, organizado conxuntamente polos xornais Crónicas da Comarca e Cerne, dará comezo ás 19:00 horas e terá unha duración aproximada de unha hora e media.

Durante ese tempo os candidatos confrontarán as súas ideas arredor de tres grandes bloques temáticos: facenda e investimentos; infraestruturas e promoción económica; servizos sociais e cultura. En cada bloque disporán de sete minutos cada un, repartidos en catro intervencións: exposición inicial, réplica, segunda réplica e conclusión. A orde de intervención establecerase previamente por sorteo.

 

A cidadanía pregunta

Os veciños e veciñas de Melide terán a oportunidade de formularlle preguntas aos candidatos unha vez rematados os tres bloques de discusión. Poderán facelo de dous xeitos: por escrito o propio día do debate, empregando uns cartóns que entregará a organización, ou previamente enviando as cuestións á dirección de correo electrónico debateelectoralmelide2015@ gmail.com, que xa está operativa. De entre todas as preguntas formuladas  a organización escollerá seis, intentando garantir que as temáticas non se repitan e que todos os candidatos respondan.

O debate pechará cunha exposición final de argumentos na que cada partido terá dous minutos para realizar a súa conclusión.