A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) celebrou o pasado 18 de xuño asemblea xeral ordinaria. A cita serviu como marco para traer de novo a primeiro plano as eleccións á xunta directiva celebradas hai agora xustamente un ano e nas que Manuel Vázquez se proclamou presidente da patronal co apoio do 69% dos votantes.

Membros da candidatura derrotada aproveitaron a convocatoria da asemblea para poñer de manifesto ante os socios asistentes que se produciron irregularidades nos comicios de 2014 e para pedir que se fagan cambios no procedemento de futuras citas electorais. Elena Quintas, a daquela aspirante a presidir a asociación, denunciou que a mesa de votación “se contituyó de forma contraria a los estatutos” e acusou ao equipo de Manuel Vázquez de cometer irregularidades en relación aos votos delegados: “hubo votos de no socios, votos sin el nombre del establecimiento, y votos con firmas escaneadas”, explicou.

Nesa liña, outro dos socios críticos, José Quintas, asegurou ter constancia de que “houbo votos recollidos antes de convocar as eleccións e outros recollidos en branco”. A isto engadiu que o voto delegado “non aparece nos estatutos; é unha chapuza, unha trampa” e demandou que se suprima. “Hai que facer as cousas legais”, dixo. En base a todo isto Elena Quintas concluíu que “la asamblea se podría haber impugnado” e pediu “que esto no se vuelva a repetir”.

 

Dentro da legalidade

Os membros da xunta directiva, e integrantes da candidatura ganadora en 2014, rexeitaron de plano as críticas argumentando que as eleccións se desenvolveron dentro da legalidade e seguindo o mesmo procedemento que se empregou en convocatorias anteriores. “Admitimos que se poidan facer cambios, pero non que se diga que é unha fraude algo que sempre valeu. Por que non vale agora?”, dixo Juan Carlos Casal, contador da patronal.

Máis explícito foi o presidente de Asetem, Manuel Vázquez, quen despois de recordar que o voto delegado é un procedemento legal e admitido pola maioría de organismos asociativos, engadiu que “aquí hai algo que non cadra: cando Elena Quintas estaba na mesma candidatura ca nós nunca houbo problemas cos votos delegados. Agora que montou outra e perdeu, si que hai problemas”. Dun xeito semellante se manifestou o secretario da patronal, José Ramón Villamor, quen considera que as críticas están fóra de lugar: “o que tiñades que facer era impugnar a asemblea naquel momento se o considerabades oportuno, pero non vir con isto un ano despois”.

 

2

Suba de cotas

Á marxe das polémicas, a asemblea ratificou a suba de 5 euros nas cotas mensuais que pagan os asociados e que se fixo efectiva a principios de 2015 por decisión da xunta directiva. Non obstante, a maioría de socios asistentes coincidiu á hora de sinalar que o procedemento empregado non foi o axeitado e que a suba das cotas se debería ter votado previamente en  asemblea e non ser aprobada de xeito unilateral pola xunta directiva.

Na reunión tamén se acordou tomar a iniciativa para buscar o xeito de excluír o polígono da Madanela da área de protección medioambiental na que se atopa. Do mesmo xeito, os socios pediron que se busque a maneira de “confluír mellor” co Concello para poder traballar conxuntamente “de verdade”. Por outra banda, a xunta directiva manifestou a súa intención de recuperar o Salón da Voda de cara ao mes de novembro e fixo públicos os resultados dunha enquisa realizada pola patronal entre os seus socios e da que se desprende, entre outras conclusión, que os tres servizos máis valorados son o xornal Cerne, a tramitación gratuíta de axudas e os cursos de formación.