Cando algo funciona e funciona ben, non hai motivos para cambialo. É por iso que o XVI Mercamelide chega os días 29 e 30 de agosto cos mesmos ingredientes de sempre: produto moi variado e de calidade, prezos máis ca reducidos e algún que outro agasallo para os clientes que realicen algunha compra nesa fin de semana.
Trinta comercios daranse cita na edición de verán desta feira de oportunidades, xa consolidada e coñecida pola clientela de boa parte de Galicia, na que as tendas aproveitan para liquidar o stock que lles quedou tralas rebaixas. É por iso que moitos dos produtos son postos á venda en cifras mínimas ou incluso a prezo de custo.
Quen visite o Pazo de Congresos, que estará aberto ámbolos dous días en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00, poderá atopar artigos dos seguintes sectores: roupa para muller, home e cativos; calzado de vestir e deportivo; trebellos de ferretería e xardinería; subministros industriais e uniformes de traballo; lencería; agasallos e xoguetes; roupa para o fogar; mobles novos e de segunda man; froita, electrodomésticos e mesmo un pequeno espazo de hostalería.
Sorteo de 500 euros
Un dos alicientes do XVI Mercamelide é o sorteo de 500 euros que se realizará o domingo 30 contra ás 19:00 horas. A el poderán optar todas as persoas que realicen un mínimo de tres compras noutros tantos comercios presentes. Por cada compra recibirán un boleto cun número, que será co que participarán no sorteo. Ademais, sortearanse dúas cestas con produtos tradicionais, unha o sábado e outra o domingo.
Manuel Vázquez, presidente de Asetem-Cca, entidade que colabora co Concello de Melide na organización da feir, agarda que “coma en edicións anteriores sexa un éxito de público e vendas”. Ao seu xuízo, o Mercamelide “é unha das mellores feiras de saldos de toda Galicia”, opinión que xustifica no feito de que “a variedade de produtos ofertados é cada vez maior e tan boa relación calidade-prezo dificilmente se pode atopar noutros lugares”. Como consecuencia disto, engade, “o evento conseguiu consolidarse nos últimos anos e xa é sobradamente coñecido e representativo do moito que pode ofrecer o noso comercio”.