Non hai dúbida de que Melide é o motor económico do centro de Galicia e o concello que xera máis oportunidades laborais nun amplo radio xeográfico. Nese dinamismo teñen moito que ver as empresas e negocios asociados a Asetem que, segundo a última sondaxe realizada dende a xerencia da patronal, dan emprego a 634 persoas.

Tendo en conta que na actualidade Asetem conta con 144 socios, pódese concluír que cada negocio xera unha media de 4,4 postos de traballo directos. Non obstante, o dato pode levar a engano, pois non todos os sectores presentan o mesmo comportamento: por exemplo no do comercio, sendo o que máis emprego xera, a media de traballadores por negocio sitúase tan só nos 2,6, un dato acorde á natureza das tendas, pequenas e de proximidade, que proliferan en Melide. O alto número de traballadores que acolle este sector (190) explícase porque é o que concentra maior número de negocios asociados (73).

Xusto o contrario acontece no sector da industria, onde tan só catro empresas xeran 86 postos de traballo, cunha media de 21,5 empregados cada unha. Isto delata un perfil de empresa de maiores dimensións e moi diferente ao do anterior sector. Algo semellante acontece na construción, con poucas empresas asociadas que dan moito traballo (119 postos e unha media de 7,4 traballadores). Este sector, o segundo que máis emprego xera, engloba tamén plantas de formigón, canteiras e carpinterías. O dos servizos (que incluiría seguros, perruquerías, asesorías, clínicas…) e o sector do automóbil son os que menos postos de traballo xeran en termos absolutos: 49 e 19 respectivamente.