O comercio de Melide decidiu botar o resto este Nadal cunha participación masiva na campaña que dende 1999 organiza Asetem para animar a mercar na vila durante estas datas especiais. Tanto é así que “Este Nadal toca en Melide” contará na edición 2015-2016 coa participación de 83 empresas e comercios, unha cifra récord nunca antes acadada nos dezaseis anos que se leva poñendo en marcha esta iniciativa.

A campaña comeza hoxe e rematará o 7 de xaneiro. Durante eses 38 días as persoas que merquen nos establecementos participantes recibirán rifas para entrar no sorteo de 5.500 euros en premios. Segundo estimacións baseadas en campañas anteriores, a patronal comarcal calcula que este ano se repartirán entre a clientela preto de 90.000 rifas.

Precisamente unha das principais novidades da 16ª edición de Este Nadal toca en Melide ten que ver coa dotación económica dos galardóns: se en edicións anteriores se repartía un total de 22 premios, vinte dos cales  tiñan un valor de 100 ou 200 euros, este ano tan só se sortearán cinco. Iso si, serán de maior contía. En concreto, entregarase un premio de 2.000 euros, tres premios de 1.000 euros cada un e outro máis de 500 euros.

En relación con este último tamén se introduciu unha novidade, pois será sorteado entre os asistentes á gala coa que o día 7 de xaneiro se lle poñerá punto e final á campaña.

Outro dos cambios que apreciarán este ano comerciantes e clientes ten que ver co mecanismo de sorteo de premios. A tradicional caixa de madeira que se viña empregando para depositar as matrices das ducias de miles de rifas repartidas desaparecerá para dar paso ao sistema de extracción de bólas numeradas. Depositaranse en cinco bombos diferentes e serán extraídas por voluntarios e ante notario dende as decenas de millar ás unidades.

 

Gala na Casa da Cultura

Grazas á colaboración do Concello de Melide, a campaña de Nadal terá tamén este ano un broche final acorde á súa dimensión e repercusión. Será en forma dunha gala que se celebrará o 7 de xaneiro a partir das 21:00 horas na Casa da Cultura.

Ademais de realizar o sorteo de números premiados, tamén actuará De Perdidos al Trío, un cuarteto dezano que presentou este ano o seu primeiro disco. Non serán os únicos, pois sobre o escenario tamén estará o showman David Noya, coñecido pola súa participación en diferentes programas da TVG e que, ademais de poñer o toque de humor, tamén exercerá de mestre de cerimonias.

David Noya