As empresas e negocios asociados a Asetem consideran que a actividade máis importante de todas as que realiza a  patronal é a dinamización comercial. Así se desprende da enquisa que se realizou recentemente entre todos os membros da entidade e na que, entre outras cuestións, se lles pedía que valorasen do 1 ao 10  a importancia que para eles teñen os diferentes servizos prestados pola asociación.

Tendo en conta que a organización de campañas é a terceira actividade máis valorada (cun 6,9 sobre 10), pódese deducir que as iniciativas relacionadas coa promoción do comercio local son as que teñen máis crédito entre os asociados. Non obstante, tamén é altamente valorado o papel de Asetem como mediador e representante ante as institución para solucionar os problemas ou trasladar as queixas do colectivo. Esta faceta recibe a segunda nota máis alta, cun 7,2.

Rozando o aprobado atopamos a publicación do xornal Cerne, cunha importancia do 5,3 sobre 10. Porén, cómpre resaltar que á pregunta “Considera que a publicación do xornal debe seguir sendo unha actividade primordial a pesar do custo extraordinario que supón para a asociación?”, o 72% dos socios consultados responderon “Si”.