A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) retoma en 2016 a cea anual de confraternidade, unha celebración que pretende ser á vez homenaxe e punto de encontro para os preto de 150 socios e socias que integran a entidade.
O banquete será o venres 1 de abril ás 21:30 no Hotel Carlos 96. Cada socio ten á súa disposición dúas invitacións gratuítas que xa pode pasar a recoller nas oficinas da patronal. Todas as persoas que, a maiores, desexen asistir, poderán facelo aboando o prezo do prato.
En base ás cifras de anos anteriores e ao número de respostas positivas xa recibidas, dende a organización estiman que asistirán ao ágape preto de 200 persoas. Entre elas agárdase contar coa presenza do Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, á espera de confirmación. Tamén dos presidentes das federacións galega e provincial de comercio, José María Seijas e Miguel Agromayor. Do mesmo xeito foron convidados os alcaldes dos catro concellos que integran a comarca: Melide, Toques, Sobrado e Santiso.
En 2015 non se organizou cea de confraternidade. A derradeira ocasión na que se celebrou un evento semellante foi en maio de 2014, con motivo dunha ocasión especial: o 25º aniversario da fundación de Asetem.