Probablemente xa se poden contar por millóns os pares de zapatos que Calzados Broz leva despachado nos seus 114 anos de historia, nos 41.610 días de portas abertas e atención ao público que pasaron dende que en 1902 iniciou a súa actividade este establecemento icónico do comercio melidense. Tan longa e prolífica traxectoria foi recoñecida recentemente pola Federación Galega de Comercio, que acordou outorgarlle o Premio Traxectoria Comercio Galego, un galardón co que se quere homenaxear a aqueles negocios lonxevos que souberon adaptarse aos tempos, renovarse e superar crises xeración tras xeración ata erixirse na actualidade como exemplo para todo o sector.
A entrega de premios, na que tamén recibiron os seus respectivos galardóns outros 14 establecementos da provincia con máis de 50 anos de vida, celebrouse o 2 de xuño na sede do Sporting Club Casino da Coruña. Ata a cidade herculina desprazáronse Kiko e Antía Broz, xerentes da zapatería, acompañados por familiares e membros da xunta directiva de Asetem, da que Calzados Broz é socio dende 2010 e entidade que animou a dito negocio a presentar a súa candidatura aos premios.
O acto contou coa presenza do Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que animou ao sector a apostar pola formación e a innovación, xunto coa “calidade e a proximidade que formaron sempre parte do ADN do pequeno comercio”. O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, aproveitou a presenza dos responsables da Xunta para demandar maior apoio institucional e poder así facer fronte “aos retos que impoñen os mercados e os clientes”. Salientou ademais a importancia do pequeno comercio, que representa o 13% do PIB galego e crea o 16% do emprego. “Somos pequenos pero somos moitos”, concluíu Seijas.
Calzados Broz, catro xeracións e 114 anos de actividade
Calzados Broz é un dos establecementos de referencia do comercio de Melide, unhas desas “tendas de toda a vida” na que vestiron os seus pés varias xeracións de veciños e veciñas de toda a comarca. A súa andaina comezou no ano 1902 co nome de “Ribeirao”, como se alcumaba a casa dos fundadores. Décadas despois, cando a nai do actual rexente casou, a zapatería pasou a chamarse Calzados Broz. Corría daquela o ano 1944.
Nestes máis de cen anos de vida a natureza do negocio non deixou de mudar, conservando sempre o zapato como o seu produto fundamental. Nos seus inicios o establecemento atopábase na melidense Rúa da Cátedra e posteriormente trasladouse ao Camiño de Ovedo, en pleno casco histórico, onde permanece dende 1920.
Naquelas primeiras décadas o local estaba dividido en dúas partes ben diferenciadas; unha metade funcionaba como pensión, pois tamén daban hospedaxe, e na outra atopábase o obradoiro de zapatos. Nel chegaron a traballar ata sete empregados que facían zapatos por encarga para o público en xeral e tamén para pés con problemas, formas especiais ou tallas grandes: “faciamos zapatos coma quen fai un traxe a medida e meu pai foi quen empezou a fabricar pezas ata o número 50, que daquela non existían en ningún lugar”, comenta Kiko Broz, terceira xeración á fronte do negocio e persoa que leva detrás do mostrador da zapatería dende hai 46 anos.
Ademais de zapatos, do obradoiro de Broz saían ducias de zocos, o que o converte nun dos máximos representantes do tradicional oficio dos zoqueiros, con moita implantación no Melide de mediados do século pasado: “na década dos 30 e dos 40 chegou a haber na vila máis de vinte zoqueiros e facíanse arredor de 300 pares de zocos diarios. Foi unha industria moi importante”, explica Kiko Broz.
A presenza das tendas de Melide nas feiras da comarca foi outro dos clásicos que definiron dende sempre o comercio local. Calzados Broz non foi unha excepción e ata 1990 acudía a unha media de 15 feiras cada mes, cubrindo un radio “de 40 km á redonda”.
Esta zapatería soubo medrar e avanzar cos tempos, conservando sempre esa esencia tan particular dos establecementos históricos. No ano 2011 a familia Broz abriu unha segunda tenda na Ronda da Coruña enfocada a unha liña de zapatos para un público máis xuvenil e con moita presenza nas redes sociais. En 2015 remodelouse o interior da tenda matriz.