Pasados dous anos dende a celebración de eleccións e co obxectivo de dar cumprimento ao establecido nos seus estatutos, a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) procedeu a renovar parte da xunta directiva.
Dito trámite realizouse o pasado 30 de xuño en coincidencia coa celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, pois as novas incorporacións tiveron que ser referendadas polos socios e socias mediante votación. As principais novidades producíronse nos postos de vogais, aos que accederon as seguintes persoas: Margarita Iglesias (Mis Mejores Labores), Karim Gamil (Clínica Dental Karim), Cristina Louzao (California 66), Sabela Santín (Santín & Amo Perruqueiros) e Ceferino Lobato (Cafetería Chaplin).
Xunto con estas incorporacións, a Asemblea ratificou a saída da xunta de directiva de Rut Gallego (Sisuka), Lucas Garea (Cafetería Arraigos) e Diego Sánchez (SIC Cire). Segue como vogal Jorge Pereiro (Pulpería Ezequiel).
O resto do equipo directivo continúa tal e como quedou configurado despois das eleccións de 2014, con Juan Carlos Casal (Hijos de Casal Mariño) como contador, José Valiño (Muxica) como tesoureiro, José Ramón Villamor (Oro Ley) como secretario, Manuel Vázquez (Transportes Sierra) como presidente e como vicepresidente Rodrigo Fernández (Seguros Bilbao), quen puxo o seu cargo a disposición da Asemblea, pois así o esixen os estatutos, mais resultou novamente reelixido.