A busca da excelencia na prestación e servizos ao cliente é unha máxima constante para calquera establecemento hostaleiro. Nese sentido o Pazo de Eidián, situado no veciño concello de Agolada e socio de Asetem, acaba de dar un paso adiante coa instalación dun desfibrilador semiautomático con asistencia médica e GPS integrados que fan del o primeiro pazo de turismo rural cardioprotexido de toda Galicia.

Deste xeito o Pazo de Eidián convértese nun establecemento pioneiro en materia de seguridade ante riscos sanitarios e tamén nun exemplo que a patronal melidense tentará estender a outros negocios e empresas da comarca tendo en conta que este tipo de equipos aumentan nun 90% as posibilidades de supervivencia ante unha parada cardíaca e que son un dos medios máis efectivos para paliar un dos inconvenientes do medio rural; a distancia dos centros hospitalarios.

Nesa liña Asetem xa iniciou conversas coa empresa B+Safe, unha das distribuidoras de desfibriladores en Galicia, para, á volta do verán, organizar charlas informativas para asociados e animar a crear espazos cardioprotexidos, especialmente no polígono industrial.

DesfibriladorDOC_2

 

O tempo é vital

No caso do Pazo de Eidián, situado nun entorno natural privilexiado pero  afastado de grandes núcleos de poboación, foi precisamente a localización un dos motivos que levou á xerencia do complexo  a instalar o desfibrilador: “la situación geográfica hace difícil la pronta llegada de los servicios de emergencia”, recoñece Isabel Blasco, consciente de que o tempo é unha cuestión vital nun caso de parada cardíaca. A marxe de reacción para salvar a unha vítima non vai moito máis aló dos 4 ou 5 minutos, co agravante de que cada minuto perdido supón un 10% menos de probabilidade de supervivencia.

Agora di sentirse máis segura, tendo en conta ademais que o do Pazo de Eidián é un desfibrilador operacional conectado. Isto quere dicir que está dotado de teleasistencia, telecontrol e xeolocalización as 24 horas do día. Ao collelo salta unha alarma na central, onde un especialista atende ao usuario ao tempo que se activa o protocolo de emerxencia co 112 e se envía unha ambulancia á localización exacta que indica o GPS incorporado no equipo. “Ahora tenemos a cualquier hora y en cualquier lugar del pazo  y sus jardines el apoyo directo de personal de emergencias y la garantía de que nos localizarán sin problemas”, explica a xerenta do pazo.

A presenza de desfibriladores en lugares con moito tránsito de xente ou afastados de hospitais é cada vez maior en España pero as cifras seguen a situarse aínda moi por debaixo da maioría de países europeos. Segundo un estudo realizado pola empresa B+Safe, só o 29% dos hoteis das 12 principais capitais españolas contan cun equipo destas características. En España falecen preto de 100 persoas ao día por parada cardíaca.