As deficiencias en materia de seguridade son un motivo de preocupación constante para o empresariado do polígono da Madanela ao que Asetem tratará de poñer remedio no curto prazo promovendo a implantación das roldas discontinuas. Así é como se coñece o sistema de vixilancia que consiste en realizar visitas intermitentes e programadas aos diferentes lugares obxecto de protección.
Dito servizo sería prestado por vixilantes de seguridade privados e os custos compartiríanse entre todos os empresarios e empresarias que se adscribisen. Deste xeito a vixilancia do polígono sería máis económica cantas máis empresas participasen do proxecto, ao que se poderían sumar tamén todo tipo de establecementos comerciais e hostaleiros da vila, suposto no que as roldas se farían extensibles ao casco urbano.
Ditas roldas adaptaríanse ás necesidades de cada empresario/a, ao igual que a periodicidade das mesmas. As inspeccións realizaríanse en base a un estudo previo que determinaría os puntos máis vulnerables de cada nave ou establecemento e aos que se prestaría especial atención.
Pola súa banda os vixilantes reportarían de maneira inmediata calquera incidencia detectada, incluso con captura de imaxe, e emitirían periodicamente un informe co resultados das inspeccións.
Charla en Asetem
Para afondar máis neste tema, e noutros relacionados cos novos métodos de seguridade en polígonos industriais, Asetem realizará unha charla informativa na súa sede o vindeiro xoves 29 ás 20:30. Será impartida por expertos da empresa compostelá A-1.