Volven as chuvias e baixan as temperaturas. É momento de renovar o armario e o comercio de Melide está cheo de propostas para todos os gustos.
Co obxectivo de dalas a coñecer entre a clientela, Asetem está a organizar un desfile no que os establecementos asociados presentarán as súas respectivas coleccións para a tempada outono-inverno que acaba de comezar. Celebrarase o día 15 de outubro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura e nel poderanse ver prendas para muller e home de todas as idades, zapatos e complementos. Tamén se amosará roupa de festa, lencería e propostas de perruquería.
O prazo de inscrición segue aberto para as tendas que queiran participar neste desfile que levará por título Melide está de moda. A falta de coñecer o número exacto de participantes, xa é seguro que a pasarela terá unha posta en escena orixinal que se artellará arredor dunha temática concreta. Incluirá proxeccións audiovisuais, elementos propios do teatro e actuacións musicais.
O acceso ao desfile terá un custo de 5 euros e as entradas poderanse mercar nas oficinas de Asetem en horario de mañá, de 8:30 a 14:00 horas. Pola súa banda, os establecementos participantes regalarán entradas entre os seus clientes máis fieis para que poidan asistir gratuitamente.
Melide está de moda é unha iniciativa que xurdiu a proposta dos propios comerciantes asociados e que Asetem non dubidou en apoiar dende o primeiro momento. En palabras do presidente da patronal, Manuel García, “sempre tivemos interese por potenciar a imaxe de Melide como o centro comercial aberto que somos e este proxecto, sen dúbida ningunha, contribúe a iso”.