-Ultramarinos Aceiteiro acaba de botar o peche despois de 118 anos de actividade. Como se sente?

-Antonio Rodríguez (A.R): Un pouco triste por ver toda esa xente que non contaba que  iamos cerrar e que nos dicía que lle daba moita pena. Pechamos porque eu teño 67 anos e estou un pouco regular de saúde. Tamén nos axudou a tomar a decisión o feito de que os fillos están todos fóra e non hai relevo xeracional. Agora supoño que non será fácil adaptarse á nova vida, igual que para calquera xubilado. Disporei de moito tempo, cousa que antes non tiña. O autónomo non ten tempo nin para enfermar. Eu  en 37 anos só estiven de baixa unha vez por mor dunha operación. Os sábados había que abrir, os domingos había que abrir, estabas atado todas as fins de semana…  agora iso acabouse.

 

-Como reaccionou a clientela ao saber que pechaba un negocio histórico coma o que vostede rexentou? 

-A.R.: Hai clientes que levaban máis anos vindo ca nós atendendo, así que imaxina.  Sentírono moito porque isto non era só unha casa de comprar e vender; era unha tenda de sentarse na silla, de estar, de contar un conto, de esperar por un taxi, de facer unha pregunta que non sabían, de ensinar unha carta que non entendían…, era un consultorio sobre todo para a xente maior, un lugar de confianza. Na medida en que foi desaparecendo esa xente maior desapareceron tamén eses costumes. Con Ultramarinos Aceiteiro non só pecha unha tenda, pecha un sistema de vida. Marchamos moi agradecidos cos clientes que confiaron en nós durante todo este tempo e aos autónomos que quedan desexámoslles que teñan moita sorte.

 

-Cales foron os momentos de maior esplendor para o negocio?

-A.R.: Cando empezou a marchar a xente para Bilbao, porque viñan no verán, viñan con cartos, e enchían a casa de xente e de cousas. Foron os anos boiantes do negocio e do comercio de Melide en xeral. Foi tamén cando se comezaron a arranxar cuartos de baño, renovar as casas vellas e todas esas cousas. E logo tamén houbo outra época florecente que veu dada porque en todas as casas de Melide había unha porca parideira. Fixéronse cuadras e comezamos a vender moito penso. Antes a xente que sen terras non podía ter animais pero dende que houbo cuadras si.

 

-E os momentos máis difíciles que viviron?

-A.R.: Nós non os vivimos pero meus pais si. Foron os os tempos do estraperlo e das cartillas de racionamento. Despois da guerra había pouca mercancía para vender, era mal vendida, problemas de abastecemento… pero estaban afeitos a iso. A cousa non empezou a evolucionar ata os anos 60. Máis tarde chegaron os supermercados grandes e iso as tendas pequenas notámolo moito, levamos un pau.

 

20160928_120033-copia

 

> UNHA TRAXECTORIA CENTENARIA

A orixe de Ultramarinos Aceiteiro comezou a forxarse algúns anos antes da súa apertura como tenda especializada nos comestibles de ultramar. Corría o ano 1898 cando o bisavó de Antonio Rodríguez arrendou por unha peseta diaria o hoxe coñecido como “Recuncho do Convento”, un edificio situado nunha das rúas máis céntricas da vila.

Naquela casa montou unha taberna e unha pousada na que tamén traballaban os seus fillos, José e Elisa Martínez, avoa de Antonio. Ela habíase converter na alma mater da taberna, que axiña pasou a ser coñecida como “Casa Elisa”. Xa por aquel entón comezaron a vender “algunhas cousas que facían faltas naqueles tempos”, explica Antonio: viño, pan, aceite, sardiñas, carburo… Ao ser pousada, tamén daban durmida e incluso dispoñían de cortes para os animais.

Á morte de seu pai, Elisa queda á fronte do negocio xunto cos seus fillos. Un deles marchou estudar empresariais á Coruña e da súa man comezaron a chegar novos produtos e servizos para aquela tenda-taberna-pousada. A modernización consistiu en incorporar abonos químicos, madeiras, un depósito de cervexa Estrella Galicia e outro de cemento, un material que chegaba a Curtis en tren procedente de Oviedo.

Precisamente unha das primeiras casas con paredes de formigón armado de Melide foi a que comezou a construír Elisa Martínez na Avenida da Coruña. Corrían os primeiros anos da década dos 20. En 1924 deixou a pousada para quedarse só coa parte do negocio dedicada aos ultramarinos, xa instalada na nova casa que construíra.

En 1928 Ultramarinos Aceiteiro comeza unha nova etapa: Elisa enferma e o seu fillo Manuel Rodríguez, á volta do servizo militar, faise cargo da tenda. Tras casar con Presentación Pampín incorporaron ao negocio a venda de roupa, que se mantivo ata o seguinte relevo xeracional, na década dos 70. Foi entón cando os últimos propietarios, Antonio Rodríguez e o seu irmán Javier, colleron as rendas da tenda. “Aumentamos a variedade de produtos que vendiamos porque a demanda era maior, pero a filosofía do negocio seguiu sendo a mesma de sempre”, aseguran.

Xa hai tempo que Antonio  era consciente de que Ultramarinos Aceiteiro remataría a súa andaina o día que el decidise pechar a porta do negocio, a mesma que noutros tempos estaba sempre aberta: “nacemos todos os irmáns na tenda e sendo pequenos turnabámonos para atender na hora de xantar porque a porta, dende as 9 da mañá ata que iamos para a cama, estaba sempre aberta”. Agora que o negocio deixou de funcionar recoñece con certa tristura que os tempos mudaron: “antes as familias tiñan moitos fillos e algún quedaba na tenda, pero os nosos xa non van quedar; ao estudar e ter mellores oportunidades, escapan”.