O viveiro de empresas de Melide xa é unha realidade. As instalacións, habilitadas no interior do Edificio Multiusos e compostas por 5 despachos e unha sala de reunións, foron inauguradas oficialmente o pasado 26 de outubro e agardan xa polos proxectos e iniciativas dos emprendedores da comarca.

Ademais da utilización do espazo físico por un prezo simbólico, os usuarios da incubadora terán acceso a formación, titorización, consultoría, networking e estratexias personalizadas de man dos mellores profesionais de España: os da Cámara de Comercio de Santiago, cuxo viveiro foi recoñecido recentemente nun informe elaborado pola Fundación de Caixas de Aforro (Funcas) como o mellor dos 600 analizados en todo o territorio nacional.

As cifras así o reflicten, pois o 80% das empresas creadas dende 2006 ao abrigo do viveiro compostelán seguen funcionando, mentres que a media nacional non chega ao 40%. “Podemos dicir que o equipo da Cámara de Santiago ten unha cualificación demostrada”, destacou na inauguración Jesús Asorey, presidente da entidade cameral, “e todo ese saber ímolo poñer a disposición do viveiro de Melide para que os proxectos non teñan patas coxas e para que non morran ao pouco tempo por falta dunha visión ampla”.

Para facer efectivo dito asesoramento a Cámara de Comercio e o Concello de Melide aproveitaron o acto para asinar un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades. A alcaldesa de Melide, Dalia García, cualificou as instalacións como “envexables e totalmente innovadoras” ao tempo que fixou como obxectivo inmediato do goberno local “constituír xa unha comisión de selección para que aqueles empresarios ou autónomos que teñan unha idea ou unha empresa constituída cunha antigüidade inferior a dous anos poidan utilizar xa este viveiro”. A ordenanza  pola que se regulará xa está aprobada.

Na inauguración tamén estivo presente Javier Collado, director da Fundación Incyde, entidade que achegou o 80% dos 110.000 euros que custou construír o viveiro. O 12% restante achegárono o Concello de Melide e a Deputación da Coruña. Collado augurou un futuro prometedor para a incubadora melidense, que forma parte xa da rede de 135 viveiros que a fundación Incyde ten en toda España: “tenéis la suerte de poder apoyaros en el vivero de Santiago, por lo que no me cabe duda de que va a ser un éxito”. En Galicia a Fundación Incyde financiou 16 viveiros polos que levan pasado 600 empresas. O de Melide prestará servizo tamén aos emprendedores dos concellos de Sobrado, Toques, Santiso, Arzúa, Boimorto e Vilasantar. A día de hoxe foron presentadas dúas propostas para instalarse na incubadora, unha de fotografía e outra de novas tecnoloxías.

inauguracion-viveiro-melide-1           v-4

20161026_125328          20161026_124917         20161026_125434