A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) solicitará que o nome da vila sexa incluído “de forma urxente” nas novas credenciais para peregrinos do Camiño Francés, das que desapareceu xunto con outros cinco concellos por motivos que aínda se descoñecen.
A patronal melidense manifestará o seu malestar por este feito a través dunha misiva que fará chegar esta mesma semana tanto ao cabido catedralicio como á Oficina do Peregrino e a través da que trasladará tamén a súa preocupación “polas repercusións que a nivel económico e cultural pode ter este grave erro”, indica o presidente de Asetem. Manuel Vázquez sostén que “Melide non apareceu ata agora nas credenciais por simple capricho, senón porque hai razóns históricas de peso que o xustifican e pola súa estreita vinculación co Camiño”. Nese sentido cualifica de “incomprensible” que o nome da vila desaparecera da última remesa de credenciais para o Camiño Francés.
Por outra banda alerta do prexuízo que esta decisión pode supoñer para o tecido económico de Melide, que nos últimos anos viu como a ruta xacobea se converteu nun dos principais motores económicos da vila durante oito meses do ano e arredor da cal xurdiron numerosos negocios, especialmente de hostalería: “as credenciais son documentos cunha gran difusión, estamos a falar de case 300.000 exemplares que se reparten por toda Galicia. Se Melide non figura nelas deixa de existir tamén para 300.000 potenciais visitantes”, explica Manuel Vázquez, “unha vila na que o Camiño ten tanto impacto económico non pode permitirse ese luxo”.
Nova impresión
Dende Asetem considérase que non abonda con que Melide apareza de novo nas credenciais de 2018 e sosteñen que o erro ten “calado suficiente” como para que “nun exercicio de responsabilidade se volvan imprimir as credenciais e se inclúan os nomes dos concellos que faltan, pois serán maiores as perdas económicas ocasionadas por este desatino ca o custo que poida ter remedialo”.
Por outra banda a patronal solicitará ante a Xunta que se faga valer o Plan Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021, en cuxas reunións preparatorias participou Asetem trasladando as impresións do sector hostaleiro e comercial. Ao seu xuízo o acontecido este ano coas credencias do Camiño Francés “é unha mostra de que se está a traballar unilateralmente e de xeito descoordinado” e que non se está a cumprir unha das oito liñas estratéxicas contempladas en dito plan: a coordinación e a organización administrativa.
Dende Asetem considérase prioritario que exista unha comunicación fluída entre a Xunta de Galicia, a Mancomunidade de Concellos do Camiño de Santiago e o Cabido da Catedral para evitar que se volvan producir equivocacións “en cuestións tan básicas”.