Pódese dicir que un evento ten  boa saúde cando co paso do tempo, lonxe de estancarse, segue medrando e renovándose. Neste sentido o Mercamelide demostrou na súa ultima edición, celebrada os días 4 e 5 de febreiro, que goza de plena vitalidade, pois ademais de seguir sendo fiel á súa esencia orixinal como feira de saldos comeza a consolidarse tamén como espazo de promoción e/ou presentación de novas empresas e negocios.

Exemplo diso foi a presenza este ano no Mercamelide dunha nova compañía de telefonía móbil e internet que comezou a operar na vila (Juifi) e tamén dunha empresa enerxética que se instalará en breve en Melide (Medancli). Ámbalas dúas confiaron na feira como escaparate para darse a coñecer, ao igual ca o fixo o sector da automoción, que participou por primeira vez o ano pasado e que xa está plenamente integrado na feira. Ademais da venda de coches de ocasión, o evento tamén serve para presentar os últimos modelos que van chegando aos concesionarios.

Pero non foron estas as únicas novidades da 17ª edición do Mercamelide, á que se incorporaron catro novos negocios que nunca antes participaran: Angarela, Ferretería Noguerol, Diva-Pro e Pequeniños. Isto supuxo tamén a presenza de novos sectores, como  o da estética e a perruquería, e a recuperación do zapato infantil, desaparecido das últimas edicións.

 

Bo nivel de vendas

Pero non só de novidades vive o Mercamelide. A asistencia de público e as vendas son factores determinantes. Neste aspecto a derradeira edición foi “boa a nivel global”, segundo  indican dende Asetem, entidade que colabora na organización da feira.

Corrobórano a maioría de comerciantes, que aseguran que sábado foi unha xornada  de boas vendas a pesar de coincidir cun día de intensas precipitacións e de ser ademais a xornada posterior ao temporal de vento que deixou moitos fogares da comarca sen luz. Tamén o propio Pazo de Congresos estivo preto de dúas horas sen subministro pola tarde, algo que prexudicou aos comerciantes, pois provocou que a clientela marchase. Sobre o domingo coinciden a maioría en que foi un día “de moita xente, moito paseo e menos carteira”.

 

Ferretería Noguerol    Broz