A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, vén de convocar un novo proceso de venda de solo empresarial con bonificacións do 30% e do 50%. No caso do polígono de Melide aplicarase o menor dos descontos sobre unha superficie de 10.971 metros cadrados repartidos en cinco parcelas, que se venderán a 42 € o metro. Idéntico prezo terán as dúas parcelas á venda no parque empresarial de Arzúa, que suman 5.085 metros cadrados.
A oferta do polígono melidense é a terceira maior na área de Compostela en canto a superficie bonificada, só por detrás do de Negreira, con 15.585 metros cadrados e 8 parcelas a un prezo de 34,5 € o metro, e o da Sionlla (Santiago), que é o que ten a maior oferta de solo bonificado de Galicia. Comprende unha superficie de 407.343 metros cadrados, divididos en 98 parcelas, a 80,5 € o metro cadrado.
Na actualidade, segundo os datos que constan en Xestur, quedan libres no Polígono da Madanela 7 parcelas: 5 da segunda fase, as que saen agora con prezo bonificado a 42 euros o metro, e outras dúas da primeira fase cun prezo de 35,62 euros o metro.
O prazo para presentar as ofertas de adquisición remata o 18 de marzo.