A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) contará durante os próximos meses coa colaboración dunha cooperante que apoiará á asociación no desenvolvemento das diversas campañas de dinamización e accións promocionais que desenvolve a patronal melidense ao longo do ano.
A súa contratación foi posible grazas a unha axuda concecida ao abeiro dos programas de cooperación cos que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria persegue impulsar o crecemento da economía social.
Dito programa conta co financiamento do Fondo Social Europeo e a través del búscase tamén facilitar a incorporación da mocidade desempregada ao mercado laboral. A xunta directiva da Asociación amósase convencida de que a contratación desta cooperante e o seu labor de apoio contribuirá a facer unha mellor promoción do comercio de Melide e a consolidalo como un referente do interior de Galicia.