O presidente, Manuel Vázquez, anuncia a liquidación da hipoteca do local da asociación, que agora pasa a ser propiedade de cada un dos socios
Celebrar unha xornada de confraternidade e aparcar por uns intres o traballo, pero sen perder de vista as reivindicacións dos empresarios. Ese foi o obxectivo da cea que a Asociación de Empresarios Terra de Melide organizou o pasado 23 de febreiro no Hotel Carlos 96.
O evento reuniu a máis de 120 persoas, na súa meirande parte socios e socias de Asetem; pero tamén acudiron como invitados á celebración o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, e o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla Ramil.
Antes de comezar coa cea o presidente de Asetem, Manuel Vázquez García, pronunciou un discurso no que repasou, entre outros aspectos, o traballo realizado ao longo do último ano. Deste xeito, comezou facendo fincapé na transformación á que se verá sometida a comarca unha vez rematadas as obras da autovía A-54: “o reto está en conseguir que a autovía traia xente e non a leve, que achegue os nosos comercios e non os afaste, que faga as nosas empresas máis competitivas e que sirva para que a comarca medre e non morra”, explicou.
Do mesmo xeito destacou a importancia de ampliar o polígono industrial e resolver o problema da Rede Natura, que na actualidade segue a impedir a ampliación do parque empresarial; motivo polo que solicitou ante os presentes “o apoio da Xunta, da Deputación, do Concello e de todos os organismos aos que compete, para resolver esta situación”.
Vázquez, que destacou singularidades do comercio melidense como a de abrir os domingos ou a situación do municipio en pleno Camiño de Santiago, tamén salientou a importancia de “continuar fomentando a utilización das novas tecnoloxías como plataforma de negocio”, sen descoidar “as formas clásicas de dinamización comercial como as campañas de Nadal, a Noite Aberta ou as pasarelas de moda en primavera e outono”.
Non quixo deixar pasar a ocasión o presidente de Asetem para destacar a boa relación que dende sempre se procurou manter coas distintas administracións, “tratando de contar co seu apoio e a súa axuda, aspectos polos que lles damos as grazas, e sempre ofrecendo a nosa humilde colaboración a todos eles”, indicou.
Pola súa parte, Manuel Vázquez comprometeuse a continuar traballando para manter a unidade e a confianza dos socios na utilidade da asociación, así como a buscar a eficiencia en todas e cada unha das iniciativas e campañas desenvolvidas, e a garantir a estabilidade económica da asociación.
Un local en propiedade
O presidente de Asetem rematou o seu discurso anunciando unha primicia ante todos os asistentes, e é que “froito da boa xestión das achegas económicas de cada un dos socios, no ano 2017 liquidouse o pagamento da hipoteca do local no que se atopan as oficinas de Asetem”, anunciou, “e non só iso, senón que grazas á boa optimización dos recursos saldamos a débeda hipotecaria meses antes do previsto; isto tradúcese en que as instalacións de Asetem pasan a ser agora propiedade de todos e cada un dos membros que constitúen a asociación”, engadiu.
Manuel Vázquez concluíu a súa intervención con palabras de agradecemento para todas e cada unha das persoas que “dende o primeiro día e ata a actualidade, contribuíron a que isto fose unha realidade: fundadores, socios, colaboradores e todos aqueles que dalgún xeito participaron na consolidación de Asetem ata chegar a ter un local propio”.
Tanto o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, como a alcaldesa de Melide e o presidente da Deputación da Coruña pronunciaron unhas palabras ante os invitados. Fontenla destacou “a importancia de manter vivo ao comercio de proximidade nunha vila como a de Melide”, mentres que Dalia García lembrou “que estamos a traballar para que as empresas conten con todas as facilidades para instalarse no municipio e poidan así xerar emprego”.
Pola súa parte, González Formoso comprometeu o apoio da institución provincial para impulsar o desenvolvemento socioeconómico da localidade, destacando que “Melide debe aproveitar a súa condición de cabeceira comarcal e a súa situación estratéxica para desenvolver o seu gran potencial comercial e industrial”. O presidente provincial tamén mostrou o seu apoio ás demandas dos empresarios de impulsar e dotar de mellores servizos o parque empresarial melidense.