Manuel Vázquez García repetirá como presidente ao fronte da Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto trala clebración da correspondente Asemblea Xeral Ordinaria e tamén Extraordinaria do martes 12 de xuño. A ausencia de máis candidaturas fixo que o actual presidente continúe no cargo, polo menos, catro anos máis.
A convocatoria tivo lugar no salón de actos de Asetem e, tal e como fixan os estatutos da asociación, celebrouse en primiero lugar a Asemblea Xeral Ordinaria onde se deu conta das actividades levadas a cabo durante o pasado ano. Trala benvida do presidente e a lectura da acta anterior, a xerente de Asetem – CCA, Pilar López, analizou e explicou cada unha das actividades, campañas e convenios desenvolvidos ao longo de 2017. Do mesmo xeito, fíxose un pequeno balance das contas, previamente analizadas polos socios, para proceder finalmente a súa aprobación.
Unha vez rematada a exposición os socios presentes tomaron a palabra para engadir, aportar e suxerir todo tipo de ideas.
Finalizada a Asemblea Xeral Ordinaria celebrouse a Extraordinaria da que, ao non haber máis candidaturas presentadas, saíu proclamado automaticamente Manuel Vázquez como presidente de Asetem. As primeiras palabras do reelixido presidente foron de agradecemento e compromiso coa entidade: “teño que darlle as grazas a todos os socios pola súa colaboración e implicación na asociación e sobra dicir que continuaremos a traballar na mesma liña sempre tratando de consolidar proxectos así como buscando novas alternativas”.
A única novidade foi a incorporación de tres novos membros á xunta directiva, que son Emma Sanmartín García, José Antonio Pampín Mosteiro e Juan José Rodríguez. Na próxima reunión da xunta directiva procederase ao nomeamento de cada un dos cargos.
Comprometido con Asetem
Manuel Vázquez García (coñecido popularmente como “Sierra”) é o sétimo presidente de Asetem. Natural do Concello de Toques creou a súa propia empresa no ano 1998, Transportes Sierra, con sede no polígono industrial da Madanela (Melide) e dedicada ao transporte de automóbiles a nivel nacional e internacional. Manuel Vázquez é socio de Asetem dende 2005. No ano 2010 pasou a formar parte da xunta directiva de man da anterior presidenta, Sonia Valiño e, dende 2014, é presidente de Asetem.
XUNTA DIRECTIVA ACTUAL
Presidente: Manuel Vázquez García (Transportes Sierra)
———-
Rodrigo Fernández Pombo (Seguros Bilbao)
José Ramón Villamor Varela (Xoiería Oro Ley)
José Valiño Vázquez (Muxica Tenda Xoven)
Juan Carlos Casal Vázquez (Hermanos Casal Vázquez)
Margarita iglesias Fociños (Mis Mejores Labores)
Sabela Santín Amo (Santín Amo Peluqueros)
Ceferino Lobato Vázquez (Cafetería Chaplin)
Jorge Pereiro Torres (Pulpería Ezequiel)
Emma Sanmartín García (Diva ProHair&Beauty)
José Antonio Pampín Mosteiro (Neumáticos Melide)
Juan José Rodríguez (Casa Juanito)