O CCA Asetem celebra a súa gala de Nadal

A Casa da Cultura de Melide acolleu o pasado venres 11 de xaneiro a celebración da gala de Nadal que, en colaboración co Concello de Melide, organiza a Asociación de Empresarios Terra de Melide para poñer punto e final á campaña de decembro. Este ano a gran novidade foi a presenza do actor e guionista galego, Manuel Manquiña quen, como encargado de conducir a gala, presentou o evento no que se celebrou o sorteo e actuou coa súa banda, Los Fabulosos Weekend.

A contía de premios a repartir nesta vixésima edición da campaña de Nadal foi a mesma que na edición anterior; un total de 6.200 euros para investir de novo entre o comercio local asociado.

Realizado polo tanto o sorteo, aínda faltan por aparecer os sete afortunados, xa que a sorte non quixo que ningún dos agraciados se atopase entre o público. Por iso, se efectuaron algunha compra nalgún dos seguintes establecementos comproben as súas rifas porque poden ser vostedes os premiados: Librería Cousas (2.000 euros), Óptica Alain Afflelou (1.000 euros), Frutería Celia (1.000 euros), Bodegas Mejuto (500 euros), Yethi Carburantes (500 euros), e Xoiería Oro Ley (dous premios de 500 euros cada un).

No caso de que non aparecesen os gañadores aínda queda probar sorte cos números de reserva. Neste caso recaeron en Muxica, Xoiería Roval, Melimática, Óptica Melide, Mis Mejores Labores, Calzados Broz e Sisuka.

E se as contías das rifas aínda buscan dono, o premio sorteado entre o público durante a gala apareceu á primeira. Este, dotado con 200 euros, foi para o veciño Jorge Celestino Álvarez Rouco, que recibiu o cheque de mans do presidente de Asetem, Manuel Vázquez, e da alcaldesa de Melide, Dalia García.

Como anécdota destacar que, un ano máis, Librería Cousas mantense como un referente á hora de entregar premios. Nesta campaña concedeu o primeiro premio dotado con 2.000 euros, pero a hemeroteca fala por si soa: na pasada edición entregou dous premios de 1.000 euros cada un; ao igual que no ano 2016 con dous premios tamén de 1.000 euros cada un, e un de reserva (o maior de todos: 2.000 euros). Ademais, no sorteo do ano 2015 repartiu 6 dos 22 premios en xogo naquel entón, e se nos remontamos máis atrás, no ano 2013 entregou o primeiro premio e no ano 2012 o primeiro e o segundo.

Vixésima edición: 90 comercios e 70.000 rifas
Nesta edición da campaña de Nadal, a vixésima, repartíronse a totalidade das rifas (70.000), unha cantidade lixeiramente superior á do ano pasado cando se repartiron 64.400, e participaron preto de 90 establecementos.

Dende a directiva de Asetem manifestaron a súa ledicia por manter viva unha campaña como a do Nadal, “que tan bos resultados obtén sempre”, e reafirmáronse no seu compromiso de “seguir traballando para que esta tendencia positiva se traslade a outras iniciativas”.

A gala, á que asistiron preto de 300 de persoas, tamén contou coa participación da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal; que quixo apoiar coa súa presenza iniciativas como esta que serven de motor dinamizador para o comercio local.

Os premiados teñen agora de prazo ata o 31 de xaneiro ás 13.00 horas para presentar o boleto premiado nas oficinas de Asetem. Unha vez rematado o prazo serán convocados a un acto no que recibirán o premio de mans do titular do establecemento no que lles tocou o premio.