É un dos aspectos fundamentais en calquera actividade: a saúde no traballo. Pensando niso, a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem), firmou recentemente un convenio de colaboración con Cualtis, empresa dedicada á Prevención de Riscos Laborais (PRL) e vixilancia da saúde no posto de traballo, polo cal os empresarios asociados a Asetem poderán beneficiarse de descontos de ata o 15% sobre as súas tarifas oficiais.
Dende a patronal apuntaron que se trata dun “convenio de colaboración moi vantaxoso tanto economicamente como de servizo con Cualtis-Mugatra, servizo de prevención de actuación nacional e cunha gran implantación no noso municipio, cubrindo as catro especialidades preventivas, Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial, Ergonomía e Psicosocioloxía e Medicina no Traballo”.
Entre as vantaxes de servizo para os asociados figura a de que “Cualtis- Mugatra despraza varios días ao mes a un equipo composto por médico e enfermeira á Clínica Rosalmar, para facer os recoñecementos médicos aos traballadores das empresas que teñan o servizo contratado con eles”, destacou Gonzalo Reboredo, director de Cualtis.
(Na imaxe: Manuel Vázquez, presidente da patronal, e Gonzalo Reboredo, director de oficina Cualtis, durante a sinatura do convenio)