Un ano máis a Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto organizou a campaña de Volta o Cole co obxectivo de facilitar as compras para o curso escolar ás familias de Melide e comarca. O balance, segundo destacou a xerente de Asetem, Pilar López, non puido ser máis positivo. “Tiñamos un presuposto estimado para esta campaña de entre 800 e 1.000 euros, e finalmente sobrepasamos os 800 euros en vales de compra entregados, así que a verdade estamos moi contentos; e iso que nesta edición só se repartiu un vale por familia”, lembrou Pilar López.

En total entregáronse 30 vales de 10 euros a familias numerosas, e o resto (máis de 90 vales de 6 euros), a familias non numerosas. Ata o 31 de outubro poden gastar os vales desconto en calquera comercio asociado a Asetem.

Pilar López tamén destacou este ano “o aumento no número de familias non numerosas que acudiron a recoller o seu vale”, en contra do que aconteceu o ano pasado cando a maioría das familias que participaron na campaña foron familias numerosas.

Festa infantil
Como punto e final á campaña de Volta o cole Asetem organizou unha gran festa infantil que, por circunstancias meteorolóxicas adversas tivo que celebrarse no Palacio de Congresos e Exposicións da vila.
Trocando os seus tíckets de compra por pulseiras identificativas, os máis pequenos puideron acceder ás numerosas actividades e xogos previstos. “Houbo inchables, un carriño con larpeiradas, xogos tradicionais, obradoiros, e multitude de actividades máis que fixeron que a afluencia fose bastante ampla”, apuntou a xerente de Asetem.


Con tan só dúas edicións de vida esta campaña comeza a asentarse no calendario de Asetem como outra das máis exitosas. “Percibimos que esta ano xa houbo moita máis xente esperando pola festa infantil, e tamén nos demos conta de que foron moitas máis as familias que solicitaron información sobre os vales desconto para a volta o cole”, dixo López.