Trátase dunha aplicación para mercar por Internet que prima os produtos locais
Membros da directiva de Asetem-CCA, así como a xerente da entidade, Pilar López, mantiveron unha reunión de traballo para coñecer polo miúdo a proposta de adhesión ao proxecto denominado ‘Zaska!’; unha plataforma de venda en liña para o comercio local.
Trátase dunha empresa galega que creou “unha solución tecnolóxica para os comercios tradicionais” despois de que xurdise a idea en 2015 e se empezase a desenvolver no verán de 2016.
O proxecto consiste nunha “plataforma libre, colaborativa e solidaria” que axuda a dixitalizar o comercio local, e que ten como principal novidade e obxectivo incidir no ámbito local. É dicir, aquela persoa que descargue esta aplicación e desexe mercar a través dela terá entre os seus primeiros produtos todo o relacionado coa zona onde se atopa situado. “Por poñer un exemplo, se nós estamos en Melide e buscamos un produto a través da aplicación para mercar, só nos van a aparecer os produtos de Melide, e en caso de que non exista ese produto en Melide o radio de busca ampliarase sempre continuando polas zonas máis próximas –Arzúa, Santiago…–”, explicou Yago Novoa, responsable da plataforma, durante a presentación en Asetem.
Actualmente contan coa adhesión de máis dunha decena de Centros Comerciais Abertos de toda Galicia, uns 120 comercios xa funcionando a través da plataforma, e traballan con 20 sectores. Así mesmo, a aplicación está dispoñible en diferentes idiomas (galego, castelán, inglés, portugués, catalán e euskera), e xa pode descargarse tanto en Apple sotre, como Play store ou a través da web www.zaskaapp.com.
Cumpre salientar que o proxecto está pendente de presentarse á Xunta de Galicia, aínda que xa foi presentado á Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Igualmente, pasar a forma parte del non suporá ningún custo para Asetem e no caso de que sexan varios os comercios interesados en integrarse nesta plataforma organizaríase unha charla para dar a coñecer os pormenores da aplicación e resolver todo tipo de dúbidas. “Os comerciantes teñen que saber ademais que, aqueles que se decidan a integrarse en ‘Zaska!’ farano de xeito libre; é dicir, non hai custo por darse de alta e non teñen obriga de permanencia”, explicou Yago Novoa, que tamén engadiu que se comezaría a cobrar aos comercios no caso de que a experiencia funcionase, ou o que é o mesmo, no momento no que de verdade aumentasen as vendas por Internet.
A plataforma ‘Zaska!’ ofrece a cada comercio que decida integrarse “un escaparate máis amplo, un novo canal de venda, unha nova forma de xestión e tamén as solucións loxísticas necesarias para vender a través de Internet; así como os servizos adicionais de posicionamento, analíticas da información de cada tenda na plataforma en tempo real, e apoio na xestión da tenda”, concluíu Novoa.
Finalizada a reunión de traballo, membros da directiva e xerente de Asetem valoraron de xeito moi positivo a iniciativa, da que estudarán formar parte “sempre co obxectivo de ofrecer novas e mellores oportunidades aos socios que lles permitan competir na era tecnolóxica”.