Trala reunión mantida entre empresarios e Concello de Melide, a feira de oportunidades Mercamelide xa ten data de celebración para a súa edición de inverno. Será a fin de semana do 8 e 9 de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións de Melide.

O horario será de 11.00 a 20.00 horas de xeito ininterrompido ambos días e haberá, tamén durante as dúas xornadas, animación infantil tanto polas mañás como polas tardes. Mentres os maiores realizan as súas compras os máis pequenos poderán gozar así con diferentes xogos, talleres, contacontos, etc.

Na feira de oportunidades Mercamelide poden participar tanto establecementos asociados como non asociados, aínda que iso si, os socios de Asetem non pagan cota de inscrición. Para as empresas e comercios non socios a cota é de 30 euros.

Todos os interesados en participar teñen de prazo ata o 24 de xaneiro para apuntarse acudindo ás oficinas da asociación de empresarios. Pilar López, xerente de Asetem-CCA, estima que a cifra de participantes roldará os “19-20 establecementos, que é o que houbo nas últimas edicións do Mercamelide de inverno, e que ademais é o que adoita funcionar mellor”.

Entre os sectores que acostuman a concorrer a esta cita atópanse os do fogar, moble, roupa, perfumería e complementos, novas tecnoloxías, beleza, alimentación e mesmo seguros; e entre os descontos que ofertan, artigos rebaixados ata o 70% do seu prezo nalgúns dos casos.

“Dende a asociación de empresarios tamén nos gustaría que outros sectores se animasen a participar, como por exemplo o da repostaría ou o do automóbil –explica Pilar López–, pois non se trata dunha feira só para o comercio, senón tamén de exposición de produtos e de promoción de negocios”.

Por outra banda, entre as novidades deste ano atópase a celebración dunha sesión vermú a partir das 12.30 horas o domingo día 9 “para animar o ambiente e tamén por suposto á xente a mercar”.
A feira de oportunidades Mercamelide está organizada polo Concello de Melide e Asetem – Centro Comercial Aberto.