Que o sector do comercio non atravesa o seu mellor momento é unha realidade, por iso a busca continua de ideas, proxectos e accións que permitan a súa dinamización. Nese empeño, Asetem – Centro Comercial Aberto acaba de poñer en marcha a campaña Contigo somos, contigo seremos coa que pretende, entre outros obxectivos, “fidelizar aos clientes habituais á vez que se atrae a outros novos, fomentar a vocación emprendedora en torno ao comercio na vila e comarca, e promover o patrimonio histórico local”.
Para iso, a primeira acción a desenvolver será unha campaña que terá continuidade durante varios meses, e que consistirá no reparto de cromos adhesivos por parte dos establecementos asociados. “Serán cromos onde aparecerán imaxes antigas e históricas de Melide que foron cedidas polo museo da Terra de Melide, e que serán entregados aos clientes con cada compra para que poidan ir coleccionándoos nun álbum ao longo de todo o ano”, explicou a xerente de Asetem – CCA, Pilar López. “Grazas á colaboración do museo da Terra de Melide mesturamos tradición é comercio, e poñemos o foco en que o comercio foi un dos eixes condutores da nosa vila, que o segue sendo e que o será durante moito tempo”, engadiu.
Deste xeito, dende este mesmo mes de febreiro os establecementos asociados a Asetem-CCA que participan na campaña xa reparten as fotografías adhesivas con cada compra. “A dinámica é sinxela, ti vas a mercar e danche un cromo no que aparece unha imaxe antiga de Melide para coleccionar, ademais neste primeiro mes repartiranse 4 cromos distintos, e logo cada mes sairán imaxes novas”.
Será despois de Semana Santa cando se porá a disposición dos clientes un álbum para que poidan ir completando a colección. Cumpre sinalar que o álbum terá un custo simbólico nunca superior a un euro. “O que pretendemos é que por ese prezo simbólico o cliente que se faga cun álbum é porque de verdade desexa facer a colección e participar na campaña, non para amontoar papel na súa casa e pedir un coleccionable cada vez que vai á tenda”.
Un gran premio final que vale por dous
Unha vez rematada a campaña, que contará con entre 38 e 40 cromos en total, as persoas que posúan o álbum completo entrarán no sorteo dun gran premio. “Rematar o álbum xa é de por si un premio, porque teremos entre mans unha fermosa recompilación de fotografías do Melide de antes, da nosa historia e do noso patrimonio como pobo –explicou a xerente– pero é que ademais, todas aquelas persoas que o completen entrarán no sorteo dun gran premio que tanto podería ser unha viaxe para dúas persoas como un importante vale de compra”.
E cando se celebrará o sorteo? Pois no mes de novembro coincidindo coa posta en marcha da outra gran iniciativa ligada a esta campaña: o mes do comercio. “No mes de novembro celebraremos por primeira vez o mes do comercio e durante todo o mes organizaremos actividades que dun xeito ou doutro estarán orientadas e relacionadas co sector; será aí cando terá lugar o sorteo no que participarán todas as persoas que completaron o álbum”, destacou Pilar López.
Colaboración entre institucións
Para a realización desta campaña o colectivo de empresarios conta coa colaboración do Concello de Melide, o museo da Terra de Melide e a Unidade Parroquial. Xosé Manuel Broz, director do museo melidense, non dubidou en catalogar a proposta como “extraordinaria e unha fermosa maneira de comezar o ano”.
Durante os próximos meses as actividades que desenvolve Asetem – CCA continuarán tanto con proxectos que viñan funcionando habitualmente, como con accións novas que perseguen a finalidade de “traer un aire fresco a aquelas persoas que confían no comercio de proximidade”.