Tradicionalmente foi unha xornada boa para o comercio en xeral, e pensando niso a Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto deseñou unha campaña para o día do Pai, que se celebra o 19 de marzo.
A proposta consiste nun concurso fotográfico para redes sociais denominado “O meu papá merece o mundo”.
Dinámica
Todos os participantes teñen que subir unha fotografía as súas redes sociais co hashtag #omeupapamereceomundo e etiquetar nela a Asetem. En dita fotografía os participantes demostrarán o amor polo seu pai, por exemplo “cun regalo, unha sorpresa, unha conversa, tomando algo con el, ou o que se lles ocorra”, explicou Pilar López, xerente de Asetem-CCA.
Só se admitirá unha fotografía por participante e as dúas imaxes que teñan máis interaccións serán as gañadoras de cadansúa cea para dúas persoas. A primeira delas será no hotel Carlos 96 o día 21 de marzo no seu almorzo especial, con espectáculo incluído para a ocasión, e a segunda será na Parrillada Pilmar.
Os interesados en participar terán que subir as fotografías ás redes sociais entre os días 13 e 19 de marzo, ambos incluídos.
Edición dun libro
Tras dar a coñecer aos gañadores, dende Asetem barállase a posibilidade de editar un libro coas fotografías. “En caso de que haxa material abondo e de calidade poderase editar un libriño con estas imaxes máis adiante, pero para iso avaliaremos a calidade das fotografías”, engadiu Pilar López.
A campaña “O meu papá merece o mundo” forma parte dunha serie de iniciativas que Asetem-CCA está poñendo en marcha co obxectivo de dinamizar o sector comercial e tamén a vila. “Nun momento no que tanto nos está custando competir coas vendas a través de Internet cremos que cada pequeno xesto para impulsar a economía local é necesario, así que esperemos que resulte e que poidamos seguir iniciando e mantendo actividades semellantes”, concluíu a xerente dos empresarios.