Cerne entrevista o presidente e á xerente dos empresarios da comarca da Terra de Melide, Manuel Vázquez e Pilar López, para que fagan unha valoración de cómo está a vivir o sector esta crise sanitaria, que medidas tomaron dende Asetem-CCA, cal será o futuro da asociación e que peticións teñen. Entre as súas declaracións:

“a situación na que vai quedar o sector é crítica”

“puxemos a disposición dos socios o número de teléfono 698 13 23 24”

“hai autónomos que xa están solicitando créditos a entidades bancarias para facer fronte a todos os pagos”

“como asociación, a preocupación que temos é que as administracións respondan como teñen que responder e aporten unha inxección económica importante”

“a xunta directiva de Asetem-CCA tomou a decisión de eximir a todos os socios e socias da cota mensual mentres que non se poida reiniciar a actividade”

“máis adiante avaliaremos a viabilidade da asociación e como continuar con ela”

“esta situación amosounos a importancia das tendas de barrio, así que cando veñan tempos mellores acordémonos dos autónomos”

A entrevista completa, a continuación:

– Que valoración fan da situación actual?

– Manuel Vázquez (M.V.): Loxicamente a valoración é moi negativa. Xa viñamos dunha época de dificultade no comercio de proximidade que, aínda que con dificultades, estábase mantendo a flote, pero é que ante isto ímonos ter que enfrontar a unha crise importantísima.

– Pilar López (P.L.): Eu case diría que a situación na que vai quedar o sector é crítica, todo vai depender un pouco das facilidades e da inxección económica que se lle poida dar dende as diferentes administracións. O que tivo que pechar por obriga xa perdeu, pero é que incluso o que se mantivo aberto sufriu unha redución drástica dos seus ingresos e, en moitos casos, acabou pechando tamén porque nin para gastos facía.

– Cal está a ser a dinámica de traballo de Asetem-CCA durante estes días de confinamento?

– P.L.: Non estamos na oficina en Melide, senón que estamos traballando dende a casa polo que non hai atención ao público. Logo, en primeiro lugar sinalar que puxemos a disposición dos socios o número de teléfono 698 13 23 24, para todas aquelas chamadas que necesiten facer os asociados ou dúbidas que precisen resolver. Tamén temos operativo un grupo de WhatsApp no que creo que están todos os socios, e se falta algún que mo comunique que inmediatamente se inclúe. Nese grupo compartimos a información e os Decretos que van saíndo. Por outra parte sinalar tamén que estamos traballando na liña de solicitar todos aqueles servizos que consideramos necesarios para, unha vez que volva a actividade, reflotar o comercio. Neste senso, estamos en contacto todos os xerentes dos Centros Comercias Abertos de Galicia traballando en conxunto para facer unha serie de peticións tanto á Xunta de Galicia e Dirección Xeral de Comercio como ás administracións locais para que todas aquelas axudas que nós consideramos útiles contribúan á recuperación do comercio, da hostalería e en xeral de todas as empresas que quedaron tocadas con esta crise sanitaria. Do mesmo xeito, estamos traballando nunha campaña conxunta a nivel Galicia para potenciar as empresas locais.

– Cales están a ser as principais preocupacións e demandas que lles trasladan os seus socios?

– P.L.: Son sectores moi diferentes e cada un ten as súas preocupacións loxicamente. Por exemplo, dende o supermercado que está interesado na normativa a seguir dentro do seu centro de traballo; ata o que tivo que cerrar e pregunta como pode solicitar a exención do recibo de autónomos ou como ten que facer para levar a cabo un ERTE; date conta que hai autónomos que xa están solicitando créditos a entidades bancarias para facer fronte a todos os pagos, IRPF, IVA trimestral, impostos, alugueiros e demais. Logo tamén destaca unha preocupación común entre os comerciantes en relación ás rebaixas. Como non houbo campaña de primavera non ganaron absolutamente nada, e despois, no caso de que isto volva á normalidade están preocupados porque non van poder competir coas grandes ofertas que lanzan as superficies comerciais pechadas. Neste sentido piden que dende a administración non se permitan as ofertas especialmente agresivas, como un 3×2 ou descontos do 90%, dende o primeiro momento que comecen as vendas. Non sei se será viable, pero a nosa petición está aí.

– E cales son as demandas de Asetem-CCA?

– P.L.: Nós como institución tamén pediremos que se volvan a regular dalgunha forma os períodos de rebaixas. E logo, a preocupación que temos é que as administracións locais, como os Concellos, e tamén a Dirección Xeral de Comercio respondan como teñen que responder e aporten unha inxección económica importante, ben sexa coa exención do IBI, coa exención do imposto das terrazas para a hostalería, ou fomentado o consumo nas tendas locais. Para isto, cando todo volva ao seu curso e se estabilice a situación tamén solicitaremos unha reunión co Concello de Melide, para darlle a coñecer as nosas inquedanzas, pero xa digo, cando sexa o momento oportuno e saiamos desta situación. Por outra parte, a través da asociación de xerentes de Centros Comercias Abertos de Galicia xa solicitamos ao goberno central medidas como a supresión do pago de todo tipo de impostos mentres duren as medidas de confinamento; a exención desde xa, que non adiamento nin recargos das retencións a conta, no pago das cotas da Seguridade Social de autónomos e traballadores da empresa durante os tres próximos meses; unha prestación económica aos autónomos e aos seus traballadores polo cese da actividade durante como mínimo tres meses tamén; un plan de urxencia para o comercio, ou axudas económicas aos alugueiros de locais comercias entre outras peticións.

– Van suspender as cotas mensuais dos seus asociados? Ata cando?

– M.V.: Xa llo comunicamos aos nosos socios, e si, é o mínimo que podemos facer. A xunta directiva de Asetem-CCA tomou a decisión de eximir a todos os socios e socias da cota mensual mentres que non se poida reiniciar a actividade. Non é que a apracemos e a vaiamos cobrar máis adiante, queda suspendida, incluída a de marzo, para todas as nosas empresas ata que esta situación se normalice. Consideramos que a asociación somos todos, e aínda que os máis afectados neste momento son os comercios non sería lóxico cobrarlla a uns si e a outros non. Logo máis adiante xa avaliaremos a viabilidade da asociación e como continuar con ela, porque tampouco podemos obviar que se estamos aí é realmente grazas ás cotas que aportan os socios, porque para acceder ás axudas da Xunta de Galicia por exemplo precisamos unha porcentaxe de fondos propios, e esa porcentaxe é a que aportan os socios.

– P.L.: A min aquí gustaríame destacar que xa houbo socios que nos fixeron chegar o seu interese en que a asociación continuase, que se amosaron optimistas e que incluso nos dixeron que eles queren que lles sigamos pasando a cota. Non sei, canto todos estamos baixo mínimos, que cheguen estas mostras de agarimo e solidariedade sempre é de agradecer.

– Que vai pasar coas campañas que tiña en marcha Asetem-CCA?

– P.L.: Difícil pregunta. De momento non sabemos o que vai pasar con elas. Evidentemente as que estaban en marcha de momento suspendémolas. E logo, algunhas poderanse facer, como por exemplo ‘Contigo Somos Contigo Seremos’ que se reiniciará tan pronto como sexa posible; e outras como a pasarela de moda prevista para o 18 de abril, na que nos consta que había moitos socios ilusionados con ela, pois todo dependerá dos prazos que saque a Dirección Xeral de Comercio para a presentación da axuda, entre outras cousas. En base a iso, poderemos cambiar de data ou pensar alternativas. A nosa intención dende logo é que por encima de todo a dinamización comercial sexa aínda maior unha vez volvamos á normalidade.

– Algunha mensaxe en especial para os socios e socias de Asetem-CCA?

– M.V.: Pois moito ánimo e tranquilidade que xa queda menos, que desta tamén sairemos, ao mellor economicamente un pouco máis apertados, recortando en moitas cousas e será duro, pero todo pasará. Agora toca coidar a saúde e despois tocará arrimar o ombro, volver a facer forza todos xuntos. Non hai que esquecer que pese a todo, esta situación amosounos a importancia das tendas de barrio, así que cando veñan tempos mellores acordémonos dos autónomos, de consumir na nosa hostalería e de mercar nas nosas tendas; en definitiva de acudir ás empresas locais.