A Asociación de Empresarios Terra de Melide continúa coa súa actividade de promoción do comercio local a través de dúas campañas en redes sociais. A primeira delas é propia e desenvólvese a través do hashtag #mercareienmelide. Os usuarios que desexen participar poden subir un vídeo, unha imaxe, un poema ou calquera cousa aos seus propios perfís facendo referencia ao primeiro que van mercar en canto remate o confinamento.
Por outra banda, segue en marcha ata o 12 de abril outra actividade en conxunto coa Asociación Galega de Xerencias de Centros Comerciais Abertos, na que se ten que comentar que é o que máis se bota de menos do comercio local.
En ambas accións os gañadores recibiran 50€ en vales de compra para usar, evidentemente, unha vez finalice o estado de alarma.
ASETEM quere lembrar que pese a que este período pasará en breve, é imprescindible a vontade de todas as persoas para que sigan confiando nos establecementos máis próximos. “O consumo de proximidade precisará de todas as persoas para que volva a ser o motor de concellos e comarcas; o comercio local ten que ser a punta de lanza da recuperación económica e social que está por vir, e que grazas á axuda dos clientes, pasados e futuros, volverase a poñer en marcha a maquinaria”, indicaron dende o colectivo.
Para conseguilo a asociación xa está a traballar en futuras actividades para fomentar o comercio e darlle un novo pulo á actividade económica local “para conseguir que os negocios de Melide volvan máis fortes que nunca e para que se vexa outra vez un pobo cheo de vida”.