Primeiro, e grazas á axuda do Concello de Melide, foi posible a posta en marcha dunha plataforma de venda en liña para o comercio de Melide. Agora é a quenda para a creación dunha central de envío de paquetería que Asetem Centro Comercial Aberto xa ten en marcha.

Trátase dun servizo co que a asociación de empresarios quixo complementar a venda en liña a través da app Zaska! na que se integraron os seus socios, pero que tamén está aberta a todos os establecementos e empresas da vila.

Convenio con Correos
A posta en marcha deste servizo de paquetería foi posible grazas a un convenio asinado entre Asetem-CCA e Correos e Telégrafos. “Grazas ás xestións feitas por Celsa Mariño, directora da oficina de Correos en Melide –explicou Pilar López, xerente de Asetem-CCA–, conseguimos un convenio que permite que todos os socios e socias de Asetem se beneficien dunha redución de ata o 60 % no prezo dos envíos das compras realizadas a través da Internet”.

Ademais, serán gratuítos todos aqueles envíos que non superen os 1.000 gr. de peso, pois neste caso será Asetem-CCA quen aboe o seu custo grazas á partida económica solicitada á Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia para esta finalidade. Iso si, “no momento no que esta partida se esgote tamén rematará o servizo gratuíto, aínda que si continuarán os descontos nos envíos para os establecementos asociados”, aclarou a xerente.

A duración deste acordo será de un ano “e logo, vendo como funciona poderase alongar no tempo”, engadiu Pilar López.

Dende Asetem-CCA lembraron que para beneficiarse deste servizo de paquetería as empresas asociadas “só teñen que achegarse á oficina de Correos de Melide en horario de 8:30 a 13:30 horas para activar a tarxeta ‘Más Cerca’, específica para este fin”.