Asetem-CCA ten en marcha este mes de setembro unha edición máis da campaña Volta o Cole, aínda que desta vez de xeito totalmente dixital tal e como está a condicionar a situación sanitaria actual.
Nesta edición a campaña conta con dúas partes diferenciadas: a Volta o Cole xogando con Asetem e inclúese o Bono Asetem.

Volta o Cole xogando con Asetem
A dinámica desta campaña funciona nesta edición por semanas. Así, cada martes, a través das redes sociais de Asetem anúnciase un tema relacionado coa volta o cole, “pode ser a preparación, os primeiros días, as primeiras tarefas –explicou Pilar López, xerente de Asetem-CCA– para que os participantes fagan unha fotografía, un pequeno vídeo ou algo similar relacionado con ese tema”.

Os participantes, calquera persoa maior de idade, teñen que enviar ao enderezo electrónico redesasetem@gmail.com ese vídeo ou fotografía acompañado da copia do tícket de compra nalgún establecemento asociado a Asetem. O importe da compra, que deberá estar relacionada con artigos escolares, ten que ser por un mínimo de 10 euros, ben sexa nunha soa merca ou en varias.

“Todas esas fotografías ou vídeos iranse subindo cada semana ás redes sociais de Asetem-CCA, e os luns ás 13.00 horas terá lugar o sorteo a través do xerador automático de números de Google que proporcionará o gañador ou gañadora”, explicou a xerente.

Unha vez realizado o sorteo os gañadores recibirán o seu premio, que consistirá nun vale de 50 euros cada semana para volver a investir no comercio local.
A idea inicial é realizar esta campaña durante o mes de setembro, “pero se funciona ben poderiamos ampliala”, engadiu a xerente.

Bono Asetem
Un ano máis, a asociación de empresarios pon en marcha o Bono Asetem para todas as familias, sexan numerosas ou non.

Así, por compras realizadas nos establecementos asociados por un valor igual ou superior a 60 euros en artigos relacionados coa volta o cole (libros, material escolar e deportivo, xoguetes, calzado e roupa…), entregarase un bono de 10 euros para familias numerosas e de 6 euros para o resto de familias.

Cumpre salientar que as familias poderán recoller os vales nas oficinas de Asetem a partir do día 5 de outubro e terán de prazo para gastalo novamente en calquera comercio asociado ata o 31 de outubro.

Para recoller os vales será preciso presentar o tícket de compra e o carné correspondente de familia numerosa de ser o caso, ou o DNI en caso de non ser familia numerosa. En calquera das dúas modalidades só se entregará un bono por familia.