Nesta edición sortearanse 3.000 euros e, ademais das rifas, repartiranse “anaquiños de ilusión” coas compras

Tratando de darlle certa normalidade á situación sanitaria tan excepcional que atravesamos, e cumprindo sempre con todas as normas establecidas, a Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto pon en marcha un ano máis a súa tradicional campaña “Este Nadal Toca en Melide”, que acada nesta ocasión a súa vixésimo segunda edición.

Para participar nela os establecementos asociados á Asetem – CCA teñen de prazo para inscribirse ata o venres 20 de novembro ás 13:00 horas, ben de xeito presencial nas oficinas da asociación (R/Lino Sexto Sánchez 1, baixo), ou ben a través do teléfono 981 50 61 88. O material necesario para a campaña (bases, rifas e cartelería) recollerase na sede da asociación a partir do martes 24 de novembro, en horario de 9:00 a 13:30 horas, e antes do martes 1 de decembro.

Pola súa parte, tal e como vén sendo habitual, os comercios ou empresas que estean interesados en anunciarse na radio local terán que comunicarllo á emisora municipal tamén antes do día 20 de novembro.
No caso de querer realizar unha nova cuña publicitaria en vez de repetir a de anos anteriores deberán achegar a súa proposta a Radio Melide o antes posible.

Dinámica
Nesta vixésimo segunda edición a campaña dará comezo o martes 1 de decembro e rematará o venres 8 de xaneiro de 2021, día no que se celebrará o sorteo ante notario. Durante ese período nos establecementos participantes entregaranse rifas aos clientes con cada compra que realicen.

Se as condicións sanitarias o permiten o sorteo terá lugar no transcurso dunha gala musical, adaptada á situación actual, que se desenvolverá na Casa da Cultura nun horario aínda por determinar.

Novidades nos premios
A principal novidade este ano chega da man dos premios, que pasan de 6.000 a 3.000 euros. “Os premios que se sortean proceden da cota de inscrición dos socios na campaña de Nadal, e dada a situación actual consideramos que este ano a mellor opción era reducir a cota de inscrición, pasando de 30 a 15 euros por socio -explicou Pilar López, xerente da Asetem-CCA-, de aí que os premios tamén se vexan reducidos á metade”.

Deste xeito, sortearase un premio de 1.000 euros e catro de 500. Ante a incerteza da súa celebración, suprímese ademais o premio de 200 euros que tradicionalmente se rifaba na gala. “Con todo -engadiu Pilar-, queremos destacar que aínda que se reduzan os premios, paralelamente á campaña de Nadal desenvolveranse outras accións para dinamizar as compras”.

Como outra novidade, destacar tamén que este ano dentro da campaña, e a maiores das rifas, haberá “unha sorpresa para encher con anaquiños de ilusión as compras que realicen os clientes”; dita sorpresa darase a coñecer coincidindo co inicio da campaña.

A xerente dos empresarios tamén valorou a situación sanitaria actual poñendo o énfase na necesidade de non deixar este ano as compras de Nadal para as últimas horas. “A xente en Melide está moi acostumada a facer as súas compras a última hora, de feito era habitual ver os comercios os últimos días, como a véspera de Papá Noel ou de Reis, abertos ata as once da noite e mesmo as doce -dixo-, e nesta ocasión non poderá ser así, de aí que animemos á poboación a ser máis previsora e por suposto a realizar as súas compras no comercio local, sobre todo nestes momentos”.

Na campaña “Este Nadal Toca en Melide” poden participar todos os socios da Asetem-CCA independentemente de cal sexa o seu sector. Como todas as iniciativas da entidade, o obxectivo é estimular as compras na vila e premiar a fidelidade do cliente.

Na campaña colaboran o Concello de Melide e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.