Xa está en marcha a campaña de Nadal da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-CCA), Este Nadal Toca en Melide, coa participación duns 70 establecementos.

Ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2021, as persoas que se acheguen a mercar nos negocios asociados recibirán coas súas compras diferentes rifas para participar no sorteo de Nadal, que este ano repartirá 3.000 euros en un premio de 1.000 e catro de 500. Ademais, coas compras e xunto ás rifas, entregaranse unhas “caixiñas de ilusión” que van recheas de chocolates.

“Seguimos na liña de todos os anos en canto a participación de establecementos”, explicou a xerente de Asetem-CCA, Pilar López, que tamén engadiu que “as sensacións de momento, e con toda a prudencia, están sendo boas pois polo de agora vemos aos comerciantes ilusionados coa campaña”.

Pilar López tamén confirmou o aprazamento definitivo da gala de Nadal, e a celebración do sorteo dende a notaría de Melide o venres 8 de xaneiro ás doce do mediodía. “O sorteo será en directo a través das redes sociais, mentres que a gala terá lugar máis adiante xunto con outras campañas previstas”, sinalou a xerente.

Éxito da Tarxeta Merca en Melide
Tamén este ano o Concello de Melide organizou unha campaña de Nadal na que se inclúe a Tarxeta Merca en Melide, e na que colabora Asetem. Neste senso, a participación total é de 74 establecementos.

Así, as persoas que adquiriron esta tarxeta na Asetem a un prezo de 30 euros, pero cun valor total de 50 (a diferenza de 20 euros achégaa o Concello de Melide), poderán investila en calquera dos máis de 70 locais da vila participantes na iniciativa ata o 5 de xaneiro.

Dende o Concello de Melide amosáronse satisfeitos coa resposta obtida a esta proposta e dende a Asetem destacaron o amplo interese amosado pola xente na adquisición das tarxetas, “que se esgotaron en poucos días”.