Dende hai varios anos a Asociación de Empresarios da Terra de Melide celebraba no mes de febreiro a edición de inverno da feira de grandes oportunidades do ‘Mercamelide’. Este ano, dada a situación epidemiolóxica actual, tanto ASETEM – CCA como o Concello de Melide, decidiron non celebrar o ‘Mercamelide’ tal e como o coñeciamos ata o momento, pero isto non vai supoñer un impedimento para facer unha actividade de grandes descontos no comercio local en Melide.
Entre o venres 26 e o domingo 28 de febreiro preto de vinte establecementos melidenses participarán na campaña de grandes descontos organizada e promovida por ASETEM. O lugar escollido para celebrar esta actividade serán as propias tendas participantes, o que axudará a non crear aglomeracións nin situacións que poidan poñer en perigo a saúde pública, en horario comercial habitual de mañá e tarde. Esta iniciativa ten como obxectivo principal impulsar e facer promoción do comercio de proximidade nun momento moi complexo para as vendas.
Os establecementos participantes pertencen, especialmente, ao sector da moda e o calzado aínda que tamén atopamos tendas de mobles, beleza e xoguetes: Calzados Broz, Colorín Colorado, Diva Pro hair & beauty, Electrosan, Marvi, Mis Mejores Labores, Mobles Ares, Modas Alfonso, Modas Dándolo, M&M Moda, Pequeniños Zapatería Infantil, Perfumería Lyss, Salacadula Shop, Shako Moda, Stardemoda, Sueños, Toysmaniatic, Tu boutik e Zapaterías Romero.
Ademais, este venres entran en vigor as novas medidas impostas pola Xunta de Galicia e o que permite a diversos concellos da comarca e de arredor poder vir a Melide para participar nesta iniciativa.
Unha vez máis, dende ASETEM – CCA, faise fincapé en que todos os comercios locais melidenses cumpren rigorosamente coas normas de seguridade promovidas polas administracións para facer fronte á COVID-19. Polo tanto, en palabras da xerente da asociación, Pilar López, “só queda animar á xente a participar neste campaña de grandes descontos”.