O equipo de cociñeiros e reposteiro da comarca da Terra de Melide gañou o concurso ‘Come a Comarca’ da Televisión de Galicia. Este grupo está formado por: Pedro Coego, do Recuncho do Convento, José Mouriño “Novita”, da Cantina de Eleu, Pablo Laya, Román Varela, da Pastelería Trisquel e Daniel Fernández.
O último programa consistiu nunha batalla entre as formacións de Melide e os da Terra Chá. O menú que tiñan que cociñar comezou cunha receita libre na que tiñan que empregar choco de Sada. De segundo un prato deseñado polo cociñeiro Gerson Iglesias, unha cachucha de porco crocante con repolo e berenxena. E para finalizar, o reposteiro Manuel Garea propúxolles elaborar un biscoito de améndoa cun barquillo crocante, unha crema xelatinosa e mandarina confeitada. Os de Melide logo dunha votación a cegas axustada proclamáronse gañadores deste programa gastronómico e recibiron os 15.000 euros do premio.
Nesta intensa final os dous grupos de cociñeiros contaron cuns padriños moi coñecidos por todos e todas, Fede Pérez no de Melide e Lucía Pérez no da Terra Chá. Ademais, esta gala contou con invitados de luxo como Xoanqui Ameixeiras do ‘Estache bo’ e Iván Mariñas, finalista de ‘MasterChef 8’.