O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Iglesias, presentou unha campaña para poñer en valor, promover e dar a coñecer os doces máis típicos de Melide: ricos, melindres e amendoados.
Este ano, por mor da situación sanitaria actual, non se poderá celebrar a Festa do Melindre tal e como a coñecemos. Porén, dende o Concello manifestan que non vai ser impedimento para realizar actividades que permitan dar a coñecer os produtos tradicionais da repostería melidense para que cheguen a máis recunchos do mundo e que a xente sexa capaz de situar a vila no mapa.
Ademais, outra das intencións e obxectivos desta campaña é conseguir que os ricos, melindres e amendoados se consuman e merquen durante todo o ano e non só nas datas próximas á festa. O concelleiro Xosé Iglesias destacou na presentación que este proxecto “a pesares de nacer da necesidade de avanzar e adaptarse á nova normalidade que trouxo consigo a COVID – 19, é unha campaña viva, en continuo movemento e que seguirá a medrar”.