A Xunta de Galicia, a través de Sogama, acaba de adxudicar o contrato para a construción para a nova planta de transferencia de residuos en Curtis á UTE ATE Cartago, por un importe total de 1.195.361,45 euros. Estas instalacións darán servizo aos concellos de Sobrado, Vilasantar e Curtis.
As novas instalacións subsituirán á pequena planta que está actualmente dando servizo a estes municipios coruñeses. A futura planta de transferencia de residuos terá capacidade para xestionar 17.000 toneladas ao ano, será máis eficiente e funcional ca anterior, xa que a maiores de transvasar as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (os envases de plástico, briks e latas) e contedor xénerico, poderá acoller a materia orgánica recollida a través do contedor marrón.
As instalacións vanse construír no polígono industrial de Teixeiro nunha parcela de case 8.000 metros cadrados. A nova planta contará cunha nave de 600 metros cadrados, unha zona verde duns 1.300 metros cadrados e estará equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento para os propios contedores, un edificio para acoller as oficinas, os vestiarios e o almacén.
Ademais, estas instalacións alimentaránse con enerxía solar, a través de paneis fotovoltalcos para fomentar, deste xeito, o autoconsumo das instalacións mediante o aproveitamento de enerxías renovables. A planta, que dará servizo a Sobrado, está previsto que estea funcionando o vindeiro verán.