A Asociación de Empresarias e Empresarios da Terra de Melide, en colaboración co Concello do municipio, celebrará o venres 12 e sábado 13 de agosto o ‘Mercamelide na rúa’ en máis dunha vintena de comercios locais da vila con grandes descontos e cunha ampla variedade de artigos.
Neste ‘Mercamelide na rúa’ participan 22 comercios de proximidade de diversos sectores que son: Noguerol Cociña e Baño, Toysmaniatic Melide, Pequeniños Zapatería Infantil, Mis Mejores Labores, Flor de Toxo, Perfumería Lyss, Stardemoda, Sueños Moda Infantil, Colorín Colorado, Romero Zapaterías, Tu Boutik, Modas Alfonso, Calzados Broz, Electrosan, Mercería Marvi, Shako Moda, Creacións MJ, M&M Moda, Diva Pro, Sisuka, Vilela e Magnin.
Durante os dous días que dura a campaña de oportunidades, o venres 12 e sábado 13, os comercios participantes terán nos seus locais descontos e rebaixas especiais en artigos e produtos en stock. O horario das tendas no ‘Mercamelide na rúa’ será o habitual de cada unha de mañá e tarde. Ademais, cada tenda adherida a esta iniciativa contará cunha decoración especial, unha alfombra de cor violeta na entrada e folletos informativos cun mapa onde estarán marcados todos os negocios do ‘Mercamelide na rúa’ para que a veciñanza e visitantes poidan localizar con facilidade todos os comercios participantes.
Dende o equipo directivo de ASETEM – CCA fan fincapé nos tres obxectivos principais que ten o ‘Mercamelide na rúa’ que son: o gran motivo da celebración desta iniciativa é axudar e impulsar a venda daqueles produtos en stock que os establecementos de proximidade non conseguiron vender en tempada. De feito, nesta liña dende a administración local fan fincapé en que o Concello colabora con esta campaña para dinamizar o comercio de proximidade da vila. Esta actividade nas rúas da vila tamén promove as compras nos establecementos locais durante dous días nos que a localidade melidense aumenta substancialmente a súa poboación. Por último, e moi ligado co obxectivo citado anteriormente, favorecer que os turistas e visitantes teñan unha razón máis para achegarse ata o centro de Galicia e descubrir todas as opcións e recursos turísticos da comarca da Terra de Melide.