O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de convocar unha liña de axudas para a creación de centros dixitais de xestión remota para o ano 2023. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva en sucesivas convocatorias dende este ano 2023 até 2026, cun orzamento anual de 1.600.000 €.

Estas axudas convócanse para apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitalizados na provincia da Coruña para desenvolver sistemas de conectividade dixital, monitorización ou xestión remota de activos; e instalación, control e comando de operacións en calquera ámbito de actividade, especialmente para instalación de produción ou xeración de enerxías renovables e no ámbito da mobilidade. Por exemplo, estas subvencións serven para investir en sistemas de simulación e de control dos activos conectados, flotas de vehículos, captación e almacenamento de datos; sistemas de telemetría e telecomando tamén aplicables a vehículos e flotas, a instalacións enerxéticas, zonas de seguridade e espazos loxísticos, etcétera.

Poderán solicitar esta axuda sociedades limitadas ou sociedades anónimas que se constitúan para a explotación do centro dixital proposto. O centro dixital deberá ser promovido ou explotado por unha pequena ou mediana empresa (peme) para a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etcétera, de xeito remoto dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións. Estes centros dixitais obxecto da subvención tamén poderán estar abertos para ser utilizados por terceiros de forma transparente e non discriminatoria segundo as tarifas de mercado.

Para poder concorrer a estas subvencións, cómpre presentar proxectos cun investimento mínimo de 100.000 € e máximo de 3.000.000 €. O prazo de presentación de solicitudes na convocatoria de 2023 remata o 8 de decembro.