Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas galegas (Plans de Innovación)

O prazo de presentación estará aberto ata o vindeiro 13 de mazo.

Solicitudes .

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados IN848E (anexo III) para a liña 1, e IN848D (anexo IV) para a liña 2, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria .

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, para ambas liñas, a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva da entidade solicitante, segundo as especificacións do anexo V. Este anexo editable estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

b) Documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 21 desta convocatoria que sexan de aplicación.

Estes documentos acreditativos non serán emendables; polo tanto, a non presentación dos ditos documentos xunto coa solicitude implicará a non puntuación dos ditos apartados. Os criterios e documentos son os seguintes:

1. Plan de igualdade: será preciso presentar o rexistro do plan de igualdade ou certificado da oficina de rexistro conforme se cumpre a súa inscrición.

2. Compromiso coa sustentabilidade ambiental: será preciso a presentación de certificación en vigor de xestión ambiental (ISO 14001, Emas,…), de xestión enerxética (ISO 50001, outras), certificacións MSC, FSC, SAN, FAIRTRADE,… ou documento acreditativo de entidade recoñecida nestes ámbitos. Non serán válidos rexistros electrónicos nin correos electrónicos, ou outro documento non verificable.

3. Responsabilidade social empresarial: será preciso a presentación de certificación en vigor da norma OSHAS 18001 ou ISO45001, SA8000, ISO26000,…

c) Nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, se é o caso, na que se especifique a data de constitución, administrador/es da sociedade (nome e apelidos ou razón social), o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE. No caso de que estes documentos non estean actualizados ou non se dispoña deles, poderase substituír o dito certificado pola presentación das escrituras de constitución da empresa solicitante e as súas modificacións posteriores debidamente rexistradas.

d) No caso de que o asinante da solicitude non actúe como administrador único para a representación da entidade, deberá achegar documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica (escrituras, poder bastanteado, entre outros).

e) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal. No caso de non ter antigüidade suficiente para ter obriga de presentar o modelo 200, achegarase declaración responsable conforme non se ten pechado exercicio fiscal e obriga de presentar o imposto de sociedades.

f) No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da seguridade social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

g) Anexo VIII, declaración da condición de peme.

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos VIIIA (empresa asociada), VIII-B (empresa vinculada), VIII-A.1 (ficha de asociación), ou VIII-B.1 (ficha de vinculación) segundo corresponda.

Tamén, como documentación complementaria deberase achegar para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas a documentación das letras c), e) e f) deste artigo.

h) Para as empresas que soliciten axudas por importe superior a 30.000€, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

i) Copia da resolución das axudas concedidas para a mesma finalidade.

2. Para aquelas solicitudes que se presenten á liña 1, deberá achegarse memoria técnica do Plan de deseño para a innovación e a sustentabilidade proposto, cuxo contido se indica no anexo VI e inclúe o seu orzamento e actividades que se van desenvolver xunto con outros datos detallados. Este anexo editable estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

3. Para aquelas solicitudes que se presenten á liña 2 deberá achegarse memoria técnica do plan de innovación en procesos e organización, cuxo contido se indica no anexo VII e inclúe o seu orzamento e actividades que se van desenvolver xunto con outros datos detallados. Este anexo editable estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

4. A falla de presentación das memorias (anexos V, VI e VII) dentro do período de admisión de solicitudes, ou a súa presentación sen respectar as especificacións indicadas nos anexos correspondentes, non se considera emendable e acordarase de oficio a inadmisión da solicitude. Do mesmo xeito, non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste nos procedementos a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento nos procedementos o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

DOG: AnuncioG0198-220124-0003_gl