Aberto o prazo para solicitar os préstamos directos para facilitar o investimento das pemes galegas

A Administración Autonómica abriu o prazo de solicitudes dunha nova convocatoria da liña de préstamos directos do Igape para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial. O programa suma nesta ocasión 30 millóns de euros na procura de promover a competitividade de pemes e autónomos galegos, mellorando as condicións de acceso ao crédito.

Así, os xuros, que se determinarán en base ás características de cada operación, contarán cunha bonificación de ata 5 puntos porcentuais no tipo de xuro. Isto permitirá que o Igape poida conceder préstamos con tipos de xuro a partir do 2%. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de novembro ou ata esgotamento do orzamento
previsto.

A convocatoria presenta dúas grandes novidades: por unha banda, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutra banda, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

No tocante á liña de internacionalización, está previsto financiar a empresas con centros de traballo en Galicia que poñan en marcha novos establecementos, sucursais ou filiais ata en 60 países. O importe mínimo dos préstamos oscilará entre os 300.000 e o millón de euros, contribuíndo á expansión do tecido empresarial.

A segunda novidade céntrase nas empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura e na industria manufactureira, articulando os mecanismos necesarios para facilitar a
concesión de préstamos na procura de acomodar a devolución dos mesmos ao diñeiro xerado polas operacións das empresas. O importe dos préstamos oscilará tamén entre os 300.000 e o millón de euros, cunha
duración de oito anos con dous de carencia.

Ao mesmo tempo, o programa tamén atende aos investimentos estratéxicos de pemes e autónomos, promovendo a creación de novas instalacións e a mellora das existentes, ou o incremento da súa capacidade produtiva. Cubrindo ata o 50% do investimento a financiar, cun máximo de 5 millóns de euros, e unha duración de 12 anos.