A Xunta habilita axudas para facilitar a incorporación ao mercado laboral de novos profesionais do transporte

A Xunta de Galicia convoca unha nova orde de axudas dotadas cun millón de euros para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, así como de permisos de condución das clases C e D.

Esta programa de axudas é a 1ª vez que se pon en marcha e establecerá 2 liñas co obxectivo de facilitar a incorporación de condutores profesionais ao mercado laboral. Segundo indicou o presidente do Goberno Galego, Alfonso Rueda, búscase así dar unha resposta á necesidade de profesionais do sector do transporte de mercancías e do transporte de viaxeiros por estrada, debido á carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais esixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos.

A orde incluirá 2 liñas: unha delas destinarase a subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de «ampliación ou promoción», para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercancías ou de viaxeiros por estrada. A outra liña subvencionará a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1 E, C E, , D, D1, D1 E.

O importe máximo que recibirá cada persoa será de 1.200 euros, tanto para a obtención do permiso de conducir das clases indicadas anteriormente como para a do certificado de aptitude profesional (CAP). Na modalidade de «ampliación ou promoción» a cuantía máxima será de 300 euros. En todo caso, a axuda non pode exceder o total abonado polo alumnado nin superar os 3.900 euros no caso de percibir axudas a través das 2 liñas.

A medida vai dirixida a persoas maiores de 18 anos e empadroadas en Galicia. Deberán ter abonados os costes dos cursos, da matrícula e das clases de conducir. Os cursos teñen que realizarse en Galicia, a través das empresas autorizadas como centros de formación CAP ou autoescolas.

O prazo de presentación de solicitudes destas liñas de axuda comezará o 1 de outubro e finalizará o 30 dese mesmo mes, agás que se esgote o orzamento con anterioridade. Cubriranse os gastos subvencionables realizados entre outubro de 2024 e outubro de 2025.