A Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide pon en marcha a nova edición da campaña Volta ao Cole con vales de compra, diferentes agasallos e a gran festa infantil.
Un ano máis, o tecido asociativo da vila lanza esta actividade para promocionar nos establecementos de proximidade as vendas do material de papelería, roupa, calzado e demais artigos necesarios para o regreso ás aulas. En definitiva, reforzar a idea de que no comercio local atoparás todo o necesario.
Para impulsar as compras nas tendas asociadas a Asetem, con tíckets iguais ou superiores a 100 euros as familias recibirán 6 ou 10 euros, dependendo de se son unidade familiar numerosa ou non (no caso das familias numerosas débese aportar o certificado ou tarxeta). Os recibos deben ser do período de duración da campaña de Volta ao Cole, é dicir, do 1 ao 27 de setembro. As familias deben entregar os tíckets nas oficinas de Asetem (rúa Lino Sexto, 7) en horario de 9:00 a 14:00h. A maiores do vale de compra as familias que entreguen os seus recibos tamén levarán un agasallo relacionado co regreso aos centros educativos e unha entrada para a gran festa infantil. Esta festa terán moitas novidades este ano para que sexa unha bonita experiencia para as nenas e nenos da comarca. Como xa é habitual, o lugar escollido para que os nenos desfruten desta festa, que se celebrará o venres 27 de setembro, será o Parque Rosalía de Castro ou, en caso de choiva, no Pazo de Congresos.
Ao igual que o ano pasado, os vales de compra canxearanse a través da APP de Asetem no prazo dun mes dende o día da entrega dos tíckets.
Dende a directiva da Asociación empresarial queren animar a toda a veciñanza a mercar os produtos necesarios para a Volta ao Cole no comercio local. Ademais, «queremos darlles os parabéns ás gañadoras do concurso que deseñaron uns carteis moi bonitos para esta campaña tan especial para eles», indican dende o equipo directivo.