A Xunta de Galicia vén de lanzar unha nova edición dos apoios específicos ás persoas traballadoras autónomas, cun investimento global que supera os 42 millóns de euros, segundo publica este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo destas axudas é impulsar o inicio, mantemento, consolidación e reactivación da actividade autónoma, así como fomentar a contratación indefinida e apoiar o movemento asociativo do sector.

O groso do orzamento, 40,7 millóns de euros, destínase a unha orde única que unifica cinco programas dirixidos a beneficiar ata 8.700 persoas autónomas. A este paquete súmanse 1,3 millóns de euros para apoiar a contratación indefinida de arredor de 160 persoas desempregadas por parte de autónomos, así como 350.000 euros destinados ás asociacións representativas do colectivo.

Entre as principais novidades desta convocatoria destaca a aposta polo sector primario, o rural e a remuda xeracional. Neste senso, a Xunta amplía a cota cero ata dous anos para aquelas persoas autónomas que inicien a súa actividade en sectores vinculados á agricultura, gandaría e silvicultura, cunha axuda de ata 1.920 euros, fronte aos 12 meses da liña xeral. Ademais, increméntase nun 20 % o orzamento do Bono Remuda, que alcanza os 1,5 millóns de euros, co fin de facilitar a transmisión de negocios.

O paquete de axudas inclúe tamén o Bono Nova Oportunidade, pensado para persoas que retoman o autoemprego; o Bono Autónomo, dirixido a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses de actividade; e medidas de apoio á conciliación familiar, destinadas a facilitar a continuidade da actividade profesional.

No detalle da orde unificada, 28,9 millóns de euros corresponden ao programa de promoción do emprego autónomo, que contempla tanto o inicio e mantemento da actividade como a garantía da cota cero. O Bono Nova Oportunidade conta con 1,5 millóns, mentres que o Bono Autónomo está dotado con 8 millóns de euros.

Pola súa banda, o Bono Remuda contempla dúas liñas: unha específica para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes e outra para municipios de maior tamaño. Tamén se inclúen axudas para persoas que traspasan o negocio por xubilación, con importes que oscilan entre os 3.000 e os 6.000 euros.

As axudas á conciliación, cun orzamento de 750.000 euros, permitirán financiar contratacións para cubrir baixas por maternidade ou paternidade, coidados de persoas dependentes ou servizos de atención familiar.

O prazo para solicitar tanto a orde única como as axudas á contratación abrirá o 11 de febreiro e estenderase ata o 30 de setembro. No caso das axudas ás asociacións de autónomos, o prazo estará aberto do 5 de febreiro ao 4 de marzo. Ademais, o DOG publicou tamén novas axudas ao autoemprego de persoas retornadas, cun orzamento inicial superior ao millón de euros.