Os establecementos turísticos de aloxamento e restauración contan cunha nova oportunidade para mellorar as súas instalacións grazas á convocatoria de subvencións destinadas á modernización e mellora das infraestruturas turísticas, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 13 de abril de 2026.
Estas axudas están dirixidas a persoas físicas e xurídicas, así como a pequenas e medianas empresas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e restauración que conten coa correspondente autorización ou clasificación no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT). Entre os requisitos figura que a actividade turística teña unha antigüidade mínima de cinco anos e que os solicitantes sexan propietarios dos inmobles ou dispoñan do dereito de uso durante todo o período no que se esixa manter a actividade.
Poderán acollerse a esta liña de subvencións establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, aloxamentos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues, así como restaurantes incluídos no Grupo I e debidamente inscritos no REAT. O obxectivo principal da convocatoria é impulsar a calidade, a accesibilidade e a modernización da oferta turística, favorecendo ao mesmo tempo a competitividade do sector.
Os investimentos subvencionables poderán alcanzar un importe máximo de 100.000 euros por proxecto, sempre que as actuacións se iniciasen a partir do 1 de xaneiro de 2026. Entre as actuacións que poderán recibir financiamento atópanse as melloras da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas, a renovación e modernización das instalacións, o embelecemento do contorno, así como a adquisición de equipamento moble necesario para o funcionamento dos establecementos.
Tamén se inclúen actuacións orientadas á mellora da eficiencia enerxética, como a modernización dos sistemas de climatización, extracción e renovación do aire, así como investimentos en dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización. Ademais, serán subvencionables os proxectos destinados a cumprir modificacións normativas ou a mellorar a clasificación do establecemento, sempre que iso supoña un incremento de categoría, así como aquelas actuacións encamiñadas á obtención de certificacións de calidade turística.
A contía destas axudas económicas situarase entre o 40% e o 60% do investimento neto subvencionable, en función da puntuación obtida na baremación da solicitude, pero sempre cun máximo de 60.000 euros por entidade beneficiaria.