O comercio local vivirá este venres, 12 de xuño, unha das súas citas máis destacadas coa celebración do Día do Comercio, unha campaña promovida pola asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide co obxectivo de dinamizar as compras e apoiar o tecido comercial da vila.
A xornada estará centrada en incentivar o consumo de proximidade mediante descontos nos produtos e servizos das tendas participantes, convertendo o día nunha oportunidade para que a clientela poida realizar compras en condicións vantaxosas e descubrir a oferta do comercio local.
Ademais das rebaixas, a campaña inclúe diferentes propostas para premiar as compras durante o día. Aquelas que superen os 50 euros en compras poderán participar nunha acción promocional nocturna cunha ruleta de premios, que se celebrará arredor das 21:45 horas no Cantón de San Roque, ata esgotar existencias. Os premios inclúen tanto artigos promocionais como produtos achegados polos propios establecementos participantes.
A iniciativa está aberta a todas as persoas maiores de idade que realicen compras ese día no comercio local de Melide, e desde a organización destacan a importancia de implicar á veciñanza para consolidar unha xornada que busca poñer en valor o papel do comercio de proximidade na vida económica e social da vila.
Como actividades complementarias temos: obradoiro infantil para todos os nenos e nenas no Cantón de San Roque, a partir das 17:30 horas, e tamén unha merenda doce para os que se acheguen ata alí. Para dinamizar as rúas da localidade o grupo de música tradicional “Os da Taberna” tocará diversas pezas polas rúas para animar á veciñanza a saír comprar nas tendas locais.
A maiores, Asetem incorporará este ano unha proposta innovadora dirixida a dinamizar a participación da veciñanza: a posibilidade de que a clientela participe nunha experiencia tipo escape room distribuído polos escaparates dos establecementos.
Esta iniciativa forma parte dunha acción formativa promovida por ASETEM, que busca transformar os escaparates nunha experiencia interactiva. Baixo o lema de que “Melide conta historias”, cada comercio converterá a súa vitrina nunha pequena escena conectada cun relato común, creando un percorrido que permitirá ao público reconstruír unha historia colectiva mentres recorre as tendas.
A dinámica, inspirada nos xogos de escape, consistirá en buscar pistas distribuídas nos escaparates, de maneira que cada escena achegue unha parte da solución final. As persoas participantes deberán interpretar os contidos e completar o percorrido para dar co significado global da proposta, favorecendo así unha experiencia lúdica e participativa arredor do comercio local.





