BENEFICIARIAS E REQUISITOS XERAIS:

Empresas privadas, constituídas por mulleres, que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan de reactivación e/ou mellora entre o 14/08/2025 e o 03/08/2026, microempresas ou pequenas empresas calquera que sexa a súa forma xurídica, cando a administración da empresa sexa exercida por mulleres e o capital social estea maioritariamente subscrito por mulleres (no caso de pequenas empresas) e integramente subscrito por mulleres (no caso de microempresas).

As promotoras deben estar de alta na Seguridade Social, vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo a súa actividade de forma habitual nela.

Non se terán en conta as autónomas colaboradoras.

No caso de creación de postos de traballo indefinidos a tempo parcial, só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50% de xornada; ou cando o período de actividade dos fixos-descontinuos non sexa inferior a 9 meses anuais.

Non poderán ser beneficiarias aquelas que percibisen axudas EMEGA nas convocatorias dos anos 2021 a 2025, ambos incluídos, nin se poden percibir axudas do programa EMEGA durante máis de dúas convocatorias.

Liñas de axuda:

               EMEGA EMERXE

Dirixido a empresas de nova creación, que inicien a súa actividade entre o 14/08/2025 e o 03/08/2026.

Entre outros requisitos, ten que supoñer a creación dos postos de traballo de todas as promotoras; desempregadas durante un período mínimo de 1 mes inmediatamente anterior á data de inicio da actividade. No caso de empresas constituídas por máis de unha promotora, a condición de desempregada deberá cumprirse polo 50% das promotoras, como mínimo.

CONTÍA: Entre 10.000 e 22.000 €, segundo o número de postos de traballo para mulleres que se creen.

EMEGA IMPULSA

Dirixido a empresas que acrediten a realización efectiva da actividade empresarial por un período mínimo de 3 anos anteriores ao mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes; e que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora. Deberán manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou allea preexistentes na empresa.

Os proxectos de reactivación e consolidación ou de mellora deberán consistir nalgunha das seguintes medidas:

.- Cambio de localización da actividade.

.- Acondicionamento ou renovación das instalacións.

.- Renovación do equipamento informático e/ou aplicacións informáticas.

.- Compra de maquinaria ou ferramentas.

.- Implantación de novas tecnoloxías para a comercialización dos produtos ou servizos.

A alta na seguridade social das traballadoras que ocupen os novos postos creados como consecuencia deste proxecto, deberán formalizarse entre o 14/08/2025 e o 03/08/2026.

CONTÍA: Entre 8.000 e 17.000 euros, segundo o número de postos de traballo para mulleres que se manteñan ou se creen.

EMEGA INNOVA

Dirixido a empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía; que inicien a actividade entre o 14/08/2025 e o 03/08/2026.

A actividade a desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

A promotora ou unha delas, como mínimo, deberá ter titulación universitaria en calquera das áreas de coñecemento en que se basea a iniciativa empresarial.

CONTÍA: Entre 18.000 e 42.000 euros, segundo os postos de traballo para mulleres que se creen.

EMEGA CONCILIA

Axuda complementaria de calquera das tres liñas anteriores, para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

MODALIDADES:

.- Concilia-Promotora. Incentivo de 3.000 euros por empresa, cando algunha promotora teña fillos menores de 3 anos (na data de finalización do prazo de xustificación).

.- Concilia-Persoas Traballadoras. Incentivo de ata 5.000 euros por empresa, segundo o tipo de pacto de conciliación ou acordos individuais de teletraballo e o número de traballadores afectados.

 

PRAZO DE SOLICITUDE: Ata o 3 de agosto.