Modalidades e características dos premios:
Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:
1. Premio Artesanía de Galicia 2026.
Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.
2. Premio Traxectoria 2026.
Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiaranse ata tres candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.
Participantes:
1. Premio Artesanía de Galicia 2026.
Obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá de acordo coa Lei 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia.
2. Premio Traxectoria 2026.
Artesáns/ás en activo ou retirados/as que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia, entidades locais ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dunha persoa traballadora do propio obradoiro.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
Obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá que acadara unha idade máxima de 45 anos en 2026.
Financiamento e dotación dos premios
A dotación económica global dos premios de Artesanía de Galicia é de 21.000 euros, financiarase con cargo aos orzamentos da Fundación Pública Artesanía de Galicia e estarán
suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.A dotación de cada modalidade é a seguinte:
1. Premio Artesanía de Galicia 2026.
Dotación de 9.000 € e trofeo acreditativo.
A persoa gañadora cederalle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a propiedadeda obra premiada. No caso de que as características físicas ou de propiedade do produto gañador impidan a súa cesión substituirase por documentación gráfica ou visual deste.
2. Premio Traxectoria 2026.
Trofeo acreditativo e sen dotación económica.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
Bolsa de formación de 4.000 € e diploma acreditativo para cada unha das persoasgañadoras. As persoas gañadoras deste premio deberán entregarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia unha memoria descritiva e xustificativa dos gastos realizados unha vez completada a formación pola cal lles foi concedida a bolsa.





