Beneficiarias e requisitos xerais: empresas privadas, constituídas por mulleres, que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan de reactivación e/ou mellora entre o 30/09/2024 e o 14/08/2025; que sexan microempresas ou pequenas empresas calquera que sexa a súa forma xurídica, cando a administración da empresa sexa exercida por mulleres e o capital social estea marioritariamente subscrito por mulleres (no caso de pequenas empresas) e integramente subscrito por mulleres (no caso de microempresas).
As promotoras deben estar de alta na Seguridade Social, vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo a súa actividade de forma habitual nela. Nos casos de pluriactividade, entenderase que se cumpre este requisito cando a relación laboral por conta allea non supere o 50% da xornada ordinaria.
Para os efectos deste programa non se terán en conta as autónomas colaboradoras. E, no caso de creación de postos de traballo indefinidos a tempo parcial, só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50% da xornada; ou cando o período de actividade non sexa inferior a 10 meses, no caso de traballos fixo-descontinuo.
A actividade mercantil pode ser realizada por empresas individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais, as cooperativas de traballo asociado e as sociedades profesionais.
Non poderán ser beneficiarias aquelas que percibisen axudas do programa Emega ao abeiro das convocatorias dos anos 2020 a 2024, ambos incluídos, nin se poden percibir axudas deste programa durante máis de 2 convocatorias.
Liñas de axuda:
1. Emega Emerxe: dirixido a empresas de nova creación, que inicien a súa actividade entre o 30/09/2024 e o 14/08/2025. Entre outros requisitos, ten que supoñer a creación dos postos de traballo de todas as promotoras; desempregadas durante un período mínimo de 1 mes inmediatamente anterior á data de inicio da actividade. No caso de empresas constituídas por máis de unha promotora, a condición de desempregadas deberá cumprirse polo 50% das promotoras, como mínimo. A contía será de entre 10.000 e 22.000 euros, segundo o número de postos de traballo para mulleres que se creen.
2. Emega Impulsa: dirixido a empresas que acrediten a realización efectiva da actividade empresarial por un período mínimo de 3 anos anteriores ao mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes; e que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora. Deberán manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou allea preexistentes na empresa.
Os proxectos de reactivación e consolidación ou de mellora deberán consistir nalgunha das seguintes medidas:
– Cambio de localización da actividade.
– Acondicionamento ou renovación das instalacións.
– Renovación do equipamento informático e/ou aplicacións informáticas.
– Compra de maquinaria ou ferramentas.
– Implantación de novas tecnoloxías para a comercialización dos produtos ou servizos.
A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos creados como consecuencia deste proxecto, deberán formalizarse entre o 30/09/2024 e o 14/08/2025.
Contía: entre 8.000 e 17.000 euros, segundo o número de postos de traballo para mulleres que se manteñan ou se creen.
3. Emega Innova: dirixido a empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía; que inicien a actividade entre o 30/09/2024 e o 14/08/2025.
A actividade a desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.
A promotora ou unha delas, como mínimo, deberá ter titulación universitaria en calquera das áreas de coñecemento en que se basea a iniciativa empresarial.
Contía: entre 18.000 e 42.000 euros, segundo os postos de traballos para mulleres que se creen.
4. Emega Concilia: axuda complementaria de calquera das 3 liñas anteriores, para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Modalidades:
– Concilia promotora: incentivo de 3.000 euros por empresa, cando algunha promotora teña fillos menores de 3 anos de idade (na data de finalización do prazo de xustificación).
– Concilia persoas traballadoras: incentivo de ata 5.000 euros por empresa, segundo o tipo de pacto de conciliación ou acordos individuais de teletraballo e o número de traballadores afectados.
Prazo de solicitude para todas as liñas: ata o luns 18 de agosto de 2025.