A Deputación da Coruña anunciou o lanzamento dunha nova edición de MercaNaVila, o programa de bonos desconto destinado a apoiar o comercio de proximidade. A campaña, dotada con 5 millóns de euros, permitirá que calquera persoa maior de idade dispoña de ata 100 euros en bonos para gastar exclusivamente nos negocios adheridos entre o 20 de outubro e o 20 de novembro de 2026.
Segundo explica a institución provincial, o programa céntrase nos concellos pequenos porque “o apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes é a razón de ser da Deputación e a súa esencia” . A iniciativa pretende contribuír á fixación de poboación, á dinamización económica e á mellora das oportunidades no rural.
A Deputación e a Federación Galega de Comercio animan aos establecementos a inscribirse ou reactivarse na campaña entre o 6 e o 20 de outubro a través da web oficial mercanavila.gal. O programa está dirixido a tendas, negocios e pequenos establecementos que, como lembra a Administración provincial, “se enfrontan a desafíos específicos e contan con menos recursos que os das cidades”.
Os comercios participantes recibirán un cartel autoadhesivo co distintivo oficial e un código QR, que deben colocar nun lugar visible para facilitar o acceso da clientela aos bonos.
A campaña busca fomentar un consumo circular, sostible e local, incentivando que os veciños merquen nos establecementos das súas vilas. A Deputación destaca que esta colaboración entre administración e sector comercial é clave para o éxito da iniciativa: “a suma de esforzos e o traballo conxunto é o que garante o éxito desta campaña”.
Para facilitar o proceso, tanto a Deputación como a Federación Galega de Comercio habilitan liñas directas de soporte: a Federación Galega de Comercio a través do teléfono 900 103 087 ou no correo electrónico info@comerciogalicia.es, e a Deputación da Coruña no 981 415 509 ou na dirección de correo pel@dacoruna.gal.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, subliñan na comunicación oficial que envían aos establecementos que a institución provincial “traballa máis ca nunca para estar ao carón” dos pequenos negocios, recoñecendo o seu papel esencial na vida económica e social das vilas galegas.





